En obras os anexos da Casa-Museo

En obras os anexos da Casa-Museo

A intervención que se está a realizar suporá a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía, nos aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio.

A Casa-Museo Rosalía de Castro acolleu o 26 de decembro a visita do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para comprobar o estado das obras de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa da Matanza. Foron recibidos polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Estas obras, que supoñen o investimento de 120.000 euros deste departamento da Xunta, comezaron a executarse a mediados de novembro e está previsto que se rematen en marzo.

A intervención que se está a realizar suporá a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía: reacondicionamento  da envolvente exterior (cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes) do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio; reforma da planta baixa da antiga Casa Maruxa Villanueva, para dar acubillo ás novas oficinas da Fundación Rosalía; e a rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.