En depósito no Museo do Pobo 40 pezas de indumentaria feminina

En depósito no Museo do Pobo 40 pezas de indumentaria feminina
O preside te da Fundación, Anxo Angueira, e o director do Museo do Pobo, Manuel Vilar, no acto de sinatura do convenio de deposito

A Fundación Rosalía vén de deixar en depósito 40 pezas de roupa de finais do XIX e principios do XX no Museo do Pobo Galego.

A Fundación Rosalía de Castro vén de deixar en depósito no Museo do Pobo Galego un fondo de 40 pezas de roupa feminina, datadas nos séculos XIX e XX, que xa non formaban parte da museoloxía da Casa-Museo de Rosalía.

Esta mañá Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro, e Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, asinaron o convenio de depósito na Biblioteca Antonio Fraguas do Museo. Trátase de vestimenta feminina elaborada entre 1875 e 1914 na súa meirande parte, con algunha peza procedente dunha época posterior (anos 30 e 50). A Fundación Rosalía de Castro deposita esta roupa no Museo do Pobo Galego para ampliar a colección de indumentaria e para a súa mellor conservación.

Unha das pezas depositadas

As pezas depositadas, das que se descoñece a súa historia previa, son roupa que empregaba a fidalguía e a burguesía, clases de gran poder adquisitivo que ocupaban un lugar alto na xerarquía social. Trátanse de chambras, corpos de traxe, chaquetas (na maioría partes superiores) que seguen as pautas da moda internacional, pois as mulleres destas clases sociais buscaban a distinción vestindo segundo os patróns marcados desde os centros europeos da moda. Concretamente, para a moda feminina da época, de París.

Esta roupa destaca polos tecidos e adornos empregados para a súa confección. As pezas máis antigas están elaboradas con damascos, veludos, tules ou saténs; tecidos traídos da industria téxtil europea e feitos de fibras naturais como a la, o liño, o algodón ou a seda. Con respecto aos adobíos, moita desta vestimenta está engalanada con agremáns de cordón e abelorios de vidro, moi de moda naquel tempo.

Como peza destacada deste depósito atópase un corpo de traxe feminino de satén de seda, elaborado en cor verde, con adornos de tule que inclúen un bordado floral de fío en diferentes cores. A cinturiña interior da peza ten bordada a marca da modista Emilia Morales, de quen sabemos por unha factura da época que estaba establecida no número 30 da rúa de Santo André da Coruña na década de 1870.