Doan á Casa-Museo o “Herbario de Rosalía” con 150 plantas

Doan á Casa-Museo o “Herbario de Rosalía” con 150 plantas

As profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández veñen de doar á Casa-Museo un Herbario de Rosalía con 150 plantas presentes na súa obra.

Un día despois do Día Mundial da Poesía, que coincide co Día Mundial dos Bosques e a entrada da primavera, as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron a esta Casa-Museo o “Herbario de Rosalía” a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron. 

O cantar II de Cantares gallegos comeza dicindo “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”. Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Durante o ano 2019, Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas. 

Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu nas súas obras, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía. 

Sen o coñecemento botánico de Mª Isabel Fraga Vila, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, esta empresa non tería sido posible; mais non se trata dun herbario científico, senón dun herbario literario, un achegamento ás plantas e flores queridas á Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora durante os paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos. 

Se os narcisos de Wordsworth se convertiron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, as herbiñas do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar.