Descuberto un exemplar de ‘Cantares’ cunha foto inédita, un poema autógrafo e unha carta de Fernán Caballero
Este exemplar extraordinario foi adquirido recentemente pola Fundación Rosalía a un particular da zona de Vigo e financiado pola Fundación Barrié.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o director xeral da Fundación Barrié, Javier López; e o comisario da exposición, Xosé Barro, presentáronlle esta mañá á prensa unha peza extraordinaria recén descuberta e de importantísimo valor que desde hoxe é incorporada á mostra ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié.
Trátase dun exemplar único dunha primeira edición de ‘Cantares gallegos’ que inclúe unha fotografía orixinal non coñecida até o momento de Rosalía e un autógrafo cos dezaseis primeiros versos do poema inicial desta obra asinado pola autora. Ademais, nas últimas páxinas inclúese un texto manuscrito titulado “Fernán Caballero á Rosalia Castro”: unha carta datada en “Enero 25 de 1864” e copiada da orixinal, como di o autor anónimo do texto.
Esta peza, de extraordinario valor, aparece grazas á propia exposición, cando o propietario -da zona de Vigo- a visita e se decata da importancia do libriño que atesoura na súa biblioteca. De seguido establece contacto co presidente da Fundación Rosalía e chegan a un acordo de venda en cuestión de semanas.
Logo do peche da exposición, que se amplía até o 15 de setembro, o exemplar será exposto na Casa-Museo de Rosalía despois de se acometeren as obras de renovación museográfica prevista para finais deste ano. Tanto a adquisición do libro como a súa instalación na exposición e a ampliación da mesma foron financiadas pola Fundación Barrié.
Rosalía e Fernán Caballero
Fernán Caballero é o pseudónimo da escritora española Cecilia Böhl de Faber y Larrea (1796-1877), a quen Rosalía lle dedica ‘Cantares gallegos’: “Señora: Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro (…)”.
E 150 anos despois atopamos a resposta de Fernán Caballero a esta dedicatoria grazas á copia de Ramón Segade, o máis que probable propietario inicial do libriño, segundo o estudo1 de Anxo Angueira. Nesta carta a escritora española chámalle a Rosalía “ruiseñor de Galicia” e gaba os seus poemas, aínda que tamén a reprende por non entender algunhas palabras e por queixarse tanto do trato aos galegos, críticas ás que Rosalía reacciona nunha carta a Murguía: “Fernán Caballero se porta efectivamente como una plebeya, pero se lo perdono (…)”. Logo continuarían a relación epistolar, pois Rosalía envíalle tamén un exemplar da súa novela “El caballero de las botas azules”, envío que tamén responde Fernán Caballero.
Hai que lembrar que a carta orixinal, aínda que tiñamos constancia dela por Félix Moreno Astray, que a testemuña, desapareceu coma moitos outros documentos, dado que Rosalía no seu leito de morte mandoulle ás súas fillas que queimasen todos os seus papeis. Esta razón é a que explica a escaseza de documentos autógrafos de Rosalía e a falta de datos para comprendermos mellor a súa vida e obra.
A fotografía
A foto incluída no libro era descoñecida até o momento e amosa a Rosalía arredor do ano 1863, na época da publicación de Cantares gallegos. Debeu ser tirada na mesma sesión que a coñecida imaxe de María Cardarelly e achega unha perspectiva diferente de Rosalía que nos permite observar uns riscos faciais na nosa autora veciños cos retratados por Brocos bastantes anos despois.
O manuscrito autógrafo
Polas razóns que xa indicamos antes, hai moi poucos poemas autógrafos de Rosalía, e este é o único de ‘Cantares’. Son os 16 primeiros versos do poema inicial desta obra asinados por ela mesma, probablemente como un agasallo para o propietario do libro.
De quen era o libro?
No estudo que publica Anxo Angueira sobre o achado (que poden baixar en pdf) conclúe que é moi probable que o propietario inicial do libro fora Ramón Segade Campoamor, un escritor e novelista galego amigo da infancia de Manuel Murguía e que tamén tiña unha estreita relación coa propia Rosalía, especialmente nestes anos de 1863-1864.
A exposición
A exposición ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’ conmemora o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ na imprenta de Juan Compañel na rúa Real de Vigo. Foi o 17 de maio de 1863, unha data que foi elixida ademais para celebrar o Día das Letras pola súa importancia cultural e histórica, dado que esta obra abre o proceso que se deu en chamar Rexurdimento da literatura e da cultura galega. Está comisariada polo deseñador e investigador Xosé Barro.
Nesta mostra explícase o contexto social, político e literario no que se publica ‘Cantares’, os círculos democráticos e progresistas de Vigo arredor do xornal ‘La Oliva’ e os protagonistas do fito: Juan Compañel (editor), os irmáns Alejandro e Eduardo Chao (ideólogos e políticos), José Ramón Fernández (mecenas), Manuel Murguía (o líder intelectual) e Rosalía de Castro (a autora excepcional).
Actividades didácticas: rap para adolescentes, talleres e campamentos semanais ata setembro
En paralelo á ampliación da exposición, a Fundación Barrié estende o seu programa educativo ata setembro. Estas actividades, gratuítas para o público, compóñense de visitas guiadas, talleres didácticos para familias e para grupos, e campamentos de verán semanais para nenos (novas datas: semana do 26 de agosto, e semana do 2 de setembro).
Ademais, onte celebrouse un obradoiro de escrita creativa para adultos e o vindeiro 17 de xullo terá lugar un campamento de rap para adolescentes partindo da idea rosaliana de “cantar” a poesía en galego, levándoa ás nosas circustancias e ao noso tempo. O obradoiro-espectáculo de rap estará realizado pola nova artista viguesa Aid, unha das figuras mais destacadas do rap en Galicia que ten feito versións de poemas de Rosalía, no seu traballo ‘Rapoemas’. As reservas para as actividades didácticas poden efectuarse no teléfono 986 110 220. Os dossieres didácticos poden consultarse en www.fundacionbarrie.org.
Podedes descargar o estudo de Anxo Angueira sobre o exemplar aquí (en pdf).
[PRENSA] Descargar arquivo coas imaxes do libro, foto, manuscrito autógrafo e carta [ZIP]