Descendentes de José Villaamil doan á Fundación Rosalía a carta inédita de Rosalía
Os descendentes de José Villaamil veñen de doar á Fundación Rosalía a última carta que se descubriu de Rosalía en 2020, que pasa a formar parte así do arquivo histórico desta entidade.
O 20 de febreiro de 2020 informabamos a través da revista de estudos rosalianos Follas Novas da aparición dunha carta inédita de Rosalía de Castro, dentro dos actos realizados con motivo do Día de Rosalía. E este sábado a familia propietaria da misiva, descendente de José Villaamil, fixo entrega da mesma á Fundación Rosalía de Castro para poñela a disposición dos investigadores no seu arquivo histórico.
A carta vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía. Foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo desta polifacética figura monfortina, e é publicada e estudada por Anxo Angueira. Aínda que carece de lugar e data, a carta pode situarse entre 1865 e 1866 en Compostela.
Nela Rosalía contesta sobre o tema do uso do sombreiro ou da mantilla no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais. Por outro lado, di Rosalía que “no voy nunca al teatro”, o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud.
A carta vén sumarse ás 16 coñecidas e enriquece un epistolario que debeu ser sen dúbida moi rico e extenso. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”.
O estudo de Anxo Angueira demostra “ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas”.
- Consulta os artigos de Anxo Angueira e Pablo Carou no nº 4 da revista Follas Novas.
Eis o texto da carta:
Castro (Rosalía)
Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido.
Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta.
Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga.
QB S M
Rosalia Castro de Murguia