Convocada a segunda edición do Premio de Investigación Baltar Feijoo
A Fundación Rosalía de Castro vén de convocar a segunda edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.
O premio ten carácter bianual e poderán concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2018 e 2019, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.
Tal e como definen as bases (que poden baixar aquí), as obras poderán ser presentadas a concurso tanto polas editoriais ou produtoras como polos membros do xurado constituído. O prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2020.
A entrega do premio, que será honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Fundación Rosalía de Castro a finais de 2020.
Na súa primeira edición o fallo do xurado recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: a biografía de Rosalía de Castro, ’Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua.
O Arquivo Baltar-Feijoo
O Arquivo Baltar-Feijoo é o fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresou a Galicia e a Padrón en 2016 grazas ao depósito desta familia á Casa-Museo de Rosalía. Inclúe correspondencia, moita dela inédita, de importantes persoeiros da historia de Galicia como Rosalía de Castro, Murguía, Castelao, RAG, Alfredo Brañas, Pérez Lugín e moitos outros.
A Fundación Rosalía creou un espazo dentro da propia Casa-Museo dedicado a este fondo, que foi dixitalizado e posto a disposición do público. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.
O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…)
De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. etc. etc.
Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes da Galicia contemporánea.