Convenio coa Deputación de Lugo
A Deputación de Lugo asina un convenio de colaboración coa Fundación Rosalía para mellorar a musealización da Casa-Museo no deseño de pezas promocionais desta institución, unha actuación que ten un custo de 3.000 euros.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración excepcional a través do que o organismo provincial colaborará coa fundación da poetisa galega no deseño de pezas promocionais desta institución, unha actuación que ten un custo de 3.000 euros.
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo, un feito que considerou histórico. “Para a Fundación Rosalía de Castro hoxe é unha data histórica, porque é a primeira vez que unha institución do ámbito de Lugo apoia os proxectos da Fundación Rosalía de Castro, pese a estarmos nós radicados en Padrón”, sinalou Angueira.
“Rosalía é de todo o pobo galego”
Angueira considera que “a Deputación de Lugo tivo unha delicadeza, unha sensibilidade especial con Rosalía de Castro, e non só porque Rosalía sexa unha persoa vinculada a Lugo, xa que aquí tivo ao seu editor, aquí seguro que estivo, aquí ten un parque marabilloso e eu, cando leo a Rosalía falar do Miño, imaxino o Miño que pasa por Lugo. Creo que hai algo máis, a idea que manexa a Deputación de que Rosalía de Castro é de todos, de todo o pobo galego, aínda que a fundación estea en Padrón. Por iso lle estou enormemente agradecido á Área de Cultura e considero que é unha xornada histórica para a institución que represento”, explicou.
Asemade, Anxo Angueira explicou que está especialmente contento co proxecto co que decidiu colaborar o organismo provincial lugués. “Ademais, a Deputación implicouse apoiando proxectos de renovación do corpus gráfico e do deseño que hai ao redor de Rosalía. Hai que renovar e actualizar a figura de Rosalía, un proxecto no que estamos incluídos todos”, concluíu.
Proxecto de modernización
O encargado de levar a cabo este deseño será o prestixioso deseñador gráfico Pepe Barro. Encádrase dentro dun proxecto de modernización iniciado anos atrás e impulsado especialmente desde o ano 2012, cando se celebrou o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Entre as actuacións a desenvolver atópase a reforma da Casa-Museo e os contidos, que inclúe a accesibilidade, as novas tecnoloxías audiovisuais e as novas lecturas da escritora que é todo un símbolo de Galiza. O deseño de pezas promocionais é un paso máis nesta liña de modernización, xa que na Fundación Rosalía de Castro son conscientes da importancia do deseño asociado a unha figura tan emblemática como a da máis coñecida poetisa galega.