A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, que é unha fundación privada sen ánimo de lucro creada en 1947 (daquela era o Patronato Rosalía) por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. E foi grazas á colaboración económica de familias, empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración que se conseguiu abrir as portas na Matanza como Casa-Museo en 1971.
Máis de 70 anos despois, esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura e aínda que na actualidade temos unha taxa de autofinanciamento do 50% (2019), cifra considerable na nosa contorna cultural, entendemos que cómpre percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia.
Por que e para que é preciso apoiar a Casa de Rosalía?
- Para asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro
- Para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos
- Para mellorar e ampliar a súa programación cultural, que se ten incrementado moito nos últimos anos
- Para promover e facilitar a investigación sobre Rosalía
- Para converter a Casa-Museo nun referente nacional e internacional
- Porque a Casa-Museo é xa un dos museos galegos máis visitados e debe estar na vangarda cultural
- Porque a Casa-Museo e a súa Fundación non só coidan o legado da familia Castro-Murguía, tamén son un referente cultural en todo o país
- Porque a Casa-Museo tamén é unha fonte de riqueza -cultural, social e si, tamén económica- para Galicia e, en particular, para Padrón
- Porque hai que coidar as cousas que nos importan 🙂
Os proxectos e actividades principais desta Fundación desde 2012
- Reforma e acondicionamento do interior da Casa Museo.
- Renovación do discurso museolóxico e museográfico, coa incorporación de novas tecnoloxías e a musealización dun amplo repertorio de novas pezas adquiridas ou cedidas.
- Renovación da páxina web e presenza nas redes sociais.
- Organización da exposición “No principio foi o verso” celebrada en Vigo con motivo dos 150 anos de Cantares gallegos.
- Descuberta e compra dun exemplar único da obra que contiña unha foto, un texto autógrafo e unha carta inéditos.
- Acondicionamento dun novo espazo para o Arquivo da Fundación.
- Ordenación, catalogación e dixitalización de todo o fondo documental histórico.
- Obras de accesibilidade á Casa Museo e ás súas instalacións.
- Celebración do Día de Rosalía: Alborada e Caldo de gloria.
- Homenaxe do mar a Rosalía: “Inchadiña branca vela”.
- Concurso Escolar de poesía Rosalía de Castro
- Edición da revista Follas novas de estudos rosalianos.
- Compra de diferentes pezas de Ovidio Murguía.
- Incorporación do fondo documental das familias Pardellas de Blas e Baltar Feijóo.
- Celebración dos Encontros na Casa de Rosalía coa Universidade de Vigo.
- Posta en marcha do Festival Abride a Fiestra, desde 2018.
- Posta en marcha do Roteiro Rosaliano “De Padrón polos camiños”.
- Publicacións: Obra completa, O Xardín da Casa de Rosalía, Espistolario de Manuel Murguía III, …
- Concertos, presentacións, exposicións, conferencias, teatralizacións, visitas guiadas…
Como podes colaborar?
a) Facéndote Voluntaria/o da Casa de Rosalía
(só persoas físicas)
b) Facéndote Amigo/a da Casa de Rosalía
(só persoas físicas)
c) Facéndote Protector/a
(persoas físicas e xurídicas)
d) Facéndote Mecenas
(persoas físicas e xurídicas)