Chus Pato, novo membro do Padroado
A Fundación Rosalía de Castro celebrou na tarde do 24 de novembro un novo plenario do seu Padroado, no que se aprobou a entrada dun novo membro en substitución de Luz Pozo Garza, que demitiu por razóns de saúde.
A Fundación Rosalía de Castro celebrou na tarde do 24 de novembro un novo plenario do seu Padroado, no que se aprobou a entrada dun novo membro en substitución de Luz Pozo Garza, que demitiu por razóns de saúde.
Chus Pato (Ourense, 1955) é unha das máis destacadas poetas do panorama literario galego. A súa traxectoria foi recoñecida hai poucas semanas pola Real Academia Galega ao elixila como nova académica numeraria.
Pato é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como alén das nosas fronteiras a través de numerosas traducións a varias linguas.
Ademais de participar en numerosas obras colectivas e en revistas diversas, ten publicado Urania (1991), o seu primeiro libro de poemas que vén de ser reeditado este mesmo ano, Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996), Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997, m-Talá (2000), Charenton e Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez.
Os seus últimos poemarios foron Secesión (2009), Nacer é unha república das árbores (antoloxía poética sonora) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandades do Libro como mellor autora do ano.
Asemade, o plenario desta institución tamén actualizou os seus estatutos e substituíu a Luz Pozo Garza, que ocupaba o cargo de vicepresidenta da Executiva, a quen se lle agradeceu a súa dedicación á Fundación en todos estes anos. Ocupará o seu lugar neste órgano Ana Blanco, que ata o momento era vogal.