A nova revista de estudos rosalianos, Follas Novas, xa na rúa
Estamos a presentar por todo o país a nova revista anual de estudos rosalianos, Follas Novas, editada por esta institución e que dirixe o filólogo e académico Xosé Luís Axeitos.
A Fundación Rosalía de Castro está a presentar por todo o país ‘Follas Novas’, a nova revista anual de estudos rosalianos editada por esta institución e que dirixe Xosé Luís Axeitos, filólogo e membro da Real Academia Galega.
Neste primeiro número de ‘Follas Novas’, coordinado pola profesora Pilar García Negro, de 237 páxinas, atopamos artigos e investigacións dos principais expertos en Rosalía de Castro, tanto a nivel nacional como internacional. É o caso de Kathleen N. March, da Universidade de Maine (EEUU), Carme Fernández Sanjulián (Universidade da Coruña), María López (USC), Francisco Rodríguez ou a propia Pilar García Negro, entre outros.
Ao Consello de Redacción da publicación pertencen María Victoria álvarez, Xosé Carlos Beiró, Carmen Blanco, García Negro e o presidente da Fundación, Anxo Angueira. E no seu Comité Científico podemos atopar a Xosé Ramón Barreiro, Luís Cochón, Catherine Davies, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, María Xesús Lama, Xosé Luís Méndez Ferrín, Aurora López, Kathleen March, Marina Mayoral, Camiño Noia, Andrés Pociña, María do Cebreiro Rábade, Francisco Rodríguez, Ana R. Fischer e Dolores Vilavedra.
Alén da revista en papel, que se pode mercar na tenda da Casa-Museo de Rosalía, é posible consultar os seus contidos na web da revista.