A exposición ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’ inaugurarase o 15 de maio

A mostra, comisariada por Pepe Barro, estará na sede da Fundación Barrié en Vigo do 15 de maio ao 15 de agosto.

A exposición ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’ sobre o 150 aniversario da publicación en Vigo de ‘Cantares Gallegos’ inaugurarase o 15 de maio na sede da Fundación Barrié da cidade olívica. Así se informou esta mañá no acto de sinatura do convenio para a realización da mostra entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Tamén estiveron presentes o presidente en funcións da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos; e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, dado que estas dúas institucións son responsables, xunto coa Fundación, desta mostra e de boa parte das actividades arredor deste 150 aniversario.

O Concello de Vigo colabora economicamente coa mostra e ademais tamén cede unha obra do Museo Quiñones de León, “Praza da Constitución”, así como un importante número de imaxes do Arquivo Pacheco. Tal e como explicou o rexedor, esta exposición permitirá poñer en valor o poderío cultural de Vigo hai 150 anos.

O comisario da exposición, o deseñador Pepe Barro, explicou no acto que “con este libro Rosalía de Castro anuncia e constrúe o país que somos”, xa que ‘Cantares’ é a obra coa que se abriu o proceso que se deu en chamar ‘Rexurdimento’ da literatura e da cultura galega. Na mostra, ademais, explícanse as circunstancias culturais e sociais arredor do libro e a dimensión da autora como paradigma da cultura galega.

A mostra mestura a exposición de documentos singulares, fotografías, obxectos, mobles, obras de arte e montaxes audiovisuais, para conseguir que a mostra interese por igual a un público erudito e popular. Ocupará as dúas salas do edificio e artellarase en oito espazos temáticos:

1. A Rosa e a Oliva. Pensar Galicia na cidade de Vigo: Rosalía, Murguía e os amigos de Vigo.
2. Do folclore á literatura nacional. Nos cantares populares están os nosos clásicos.
3. O primeiro canto: Cantares gallegos.
4. Vigo, capital editorial. De Compañel ao século XXI.
5. Unha factoría cultural. A familia De Castro-Murguía.
6. Os pais do país. Rosalía e Murguía conforman o país que somos.
7. Rosalía, muller intelectual galega. Voces e imaxes nunha proxección audiovisual arredor do histórico retrato de Rosalía por Modesto Brocos.
8. Muller bandeira. Fitos, documentos e obxectos dun proceso de mitificación.

A exposición está organizada pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo; e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Fundación Barrié, e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo e do Faro de Vigo.