A Deputación da Coruña, comprometida co remate das obras na Casa-Museo

A Deputación da Coruña financiará o remate do novo proxecto museolóxico da Casa-Museo de Rosalía. Esta institución achegará máis de 33.000 euros (80% do total), que permitirán facer as obras necesarias no primeiro andar e reinaugurar a Casa a comezos do ano vindeiro.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o delegado de Promoción Económica e Emprego do organismo provincial, Xosé Lois García, anunciaron hoxe na Casa-Museo que esta institución financiará o 80% das reformas pendentes para rematar a nova museoloxía da Casa, exactamente con 33.131,74 euros, que lle afectan ao primeiro andar do museo. O 20% restante será achegado pola propia Fundación Rosalía.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, afirmou que “a realización desta fase final do proxecto permitiranos, por fin, reinaugurar a Casa de Rosalía. É este un feito de notable envergadura e que cómpre celebrar. Despois deste acordo xa estamos pensando encaixalo na celebracións do próximo ano rreferidas ao 180 aniversario do nacemento da autora”.

A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, sinalou a relevancia de apoiar un proxecto “que serve non só para honrar a figura de Rosalía, o noso referente literario e cultural nacional, senón tamén para trasladar unha nova imaxe dela. Porque Rosalía era unha muller culta, pensadora, transgresora, vangardista, moderna. Esta reforma permite unha actualización da súa figura, dela e de Murguía, o gran precursor. Sen ela, sen el, a Galiza que tripamos hoxe non sería a mesma”.

Pola súa parte, o responsábel da área de Promoción Económica e Emprego, Xosé Lois García defendeu a cultura como “eixo para o desenvolvemento turístico e económico e, neste sentido, a Casa de Rosalía é un espazo de referencia, dos máis visitados no pais e carta de presentación que queremos moderna e acaída aos nosos tempos”.  “Somos conscientes do relevante do proxecto para que a casa, sede da Fundación, responda á grandeza da figura á que se lle dedica e serva de escaparate non só da súa poderosa literatura senón tamén como motor de atractivo turístico e económico na comarca”.

Renovación urxente

Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo precisaba dunha renovación urxente dos seus contidos, adaptándoos aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas. Polo tanto, o obxectivo desta reforma museolóxica é ofrecer unha perspectiva que permita comprender ao/á visitante a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando a información esencial para entender a súa obra, a do seu marido e mesmo a do seu fillo, o pintor Ovidio Murguía.

Os obxectivos museolóxicos do proxecto, desenvolvido por Pepe Barro -quen explicou aos xornalistas o proxecto-, son restaurar o papel de Rosalía como paradigma da cultura galega, amosar o seu perfil como muller intelectual do seu tempo, amosar a familia de Rosalía como verdadeira factoría cultural, e sinalar o papel da parella De Castro-Murguía como artífices da Galicia de hoxe.

Neste novo proxecto céntrase o discurso nos personaxes, desbotando a simulación dunha vivenda e dándolle máis valor a pezas emblemáticas da colección propia ou cedida. Ademais, incorpóranse as novas tecnoloxías para facilitar a comunicación e favorecer a emoción, e intégranse documentos, obras de arte, mobles e obxectos nun mesmo discurso.

Espazos a reformar

Logo da reforma da planta baixa, velaquí os espazos que incluirá a reforma, que está prevista que se comece a finais deste ano:

  1. A cociña: a intervención neste espazo será mínima, conservando a súa actual forma e disposición. Aproveitarase para expor a riqueza da literatura gastronómica popular da autora.
  2. A familia, unha factoría cultural: a primeira estancia do sobrado estará dedicada á familia de Rosalía a partir da foto familiar tirada na Matanza, que se subdivide en dous espazos:
    1. Murguía, nación e construción: dedicado ao primeiro presidente da RAG, que contará con obxectos que lle pertenceron, entre outras cousas.
    2. Os cinco de Manolo e Rosa: dedicado a Ovidio, con varios cadros, e ao resto das fillas: Alejandra, Gala, Aura e Amara.
  3. Pasamento, translación e mitificación (actual dormitorio): Mantense a cama, que pertenceu á familia, ademais doutros elementos, pero reformúlase o resto.
  4. “O meu gran salón”. Muller intectual do seu tempo: Estancia dedicada ao pensamento de Rosalía.
  5. Rosalía e Murguía, os pais do país: Espazo final do percorrido cunha mensaxe clara: Rosalía e Murguía son os artífices intelectuais da Galicia contemporánea.

Esta última reforma inaugurará unha nova época na Casa-Museo que afronta o século XXI cun novo discurso museolóxico e museográfico para explicar ás novas xeracións a figura dunha muller fundamental na historia deste país. Con ela poñerémoslle o ramo ás labores de mellora integral da Casa-Museo, que comezaron en 2012 coas obras de acondicionamento do inmoble que posibilitaron en 2014 o inicio do novo proxecto de musealización que agora rematamos.