A Deputación da Coruña apoia a reforma da Casa-Museo
A Deputación da Coruña financiará unha parte da reforma museográfica da Casa Museo Rosalía de Castro grazas a un convenio que asinaron Anxo Angueira e Diego Calvo. Estas melloras estarán incorporadas neste primeiro trimestre de 2015.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron esta tarde na Casa da Matanza o convenio para financiar o proxecto “Modernización da Museografía da Planta Baixa da Casa-Museo”, que foi aprobado na sesión plenaria deste organismo o pasado 19 de decembro. A nova museoloxía estará incorporada á Casa neste primeiro trimestre de 2015.
En virtude deste acordo, a Deputación financiará o custe do 80% da reforma da planta baixa (32.668,07€), mentres que o resto dos recursos serán achegados pola propia Fundación. Deste xeito renovaranse tres salas do primeiro andar:
Sala 2: A Casa e a súa historia
Sala 3: Quen é Rosalía? Vida
Sala 4: A rosa de cen follas. Obra
A maior parte do montante será destinado á adquisición de equipos audiovisuais, así como realización e instalación da moblaxe expositiva necesaria, rotulación, vitrinas, etc. Outra parte importante dedicarase á edición de material audiovisual, xunto coa reprodución de documentos e imaxes.
Proxecto de renovación
Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo precisaba dunha renovación urxente da súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas.
O novo proxecto museográfico foi desenvolvido polo deseñador e comisario Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación Rosalía. Agora mesmo esta institución está inmersa na procura de financiamento para completar o proxecto (queda pendente o primeiro andar) e concluír a desexada reforma.
Lembramos que desde 2012 levamos adiante un proceso de mellora integral da Casa-Museo, que comezou coas obras de acondicionamento do inmoble (cofinanciadas polos fondos FEDER e pola Consellaría de Cultura e Educación) e que continúa agora coa musealización.