A Casa-Museo reabre o 2 de marzo
O museo dedicado á escritora regresa cunha redución de aforo ao 30% da súa capacidade, sen grupos escolares nin visitas guiadas, tal e como se establece nas medidas decretadas polo Goberno galego.
A Casa-Museo de Rosalía de Castro volve a abrir as súas portas o vindeiro martes 2 de marzo logo de máis dun mes pechada polas restriccións decretadas polo Goberno galego. E en virtude das novas normas do Executivo, esta apertura non superará o 30% da capacidade máxima permitida, e manterase a prohibición de visitas guiadas e en grupo de máis de catro persoas, sexan ou non conviventes.
A Casa-Museo regresa co seu horario habitual (de 10 a 13.30 horas e de 16 a 19 horas; domingos e festivos de 10 a 13.30; luns pechados), e todas as instalacións serán desinfectadas diariamente. O percorrido pola Casa-Museo estará regulado e guiado por marcadores de distancia e indicadores.
As normas pola Covid continuarán como ata o momento: as persoas que nos visiten deberán facer uso de máscaras, gardar as distancias de seguridade e facer uso do xel hidroalcohólico na recepción. Non estará permitido tocar ningún obxecto ou moble do interior.