A Casa-Museo reabre ao público o 17 de decembro

A Casa de Rosalía reabre ao público logo de rematar as obras de acondicionamento interior e exterior.

A Casa-Museo de Rosalía reabre o 17 de decembro ao público logo de dous meses pechada (desde o 12 de outubro) por mor da segunda fase das obras de acondicionamento do inmoble, que foron cofinanciadas polos fondos FEDER e pola Consellería de Cultura e Educación.

Logo dunha primeira fase acometida a finais de 2012 e comezos de 2013 na que se acondicionou a planta baixa da Casa; nesta segunda fase levouse a cabo a mellora do primeiro andar: eliminación de humidades, rehabilitación do sobrado, instalación de solo radiante, acondicionamento da carpintaría exterior e trasdosados, sistema de seguridade e contraincendios, etc. Ademais, mellorouse a cuberta, o tellado e realizouse parte da accesibilidade exterior.

Estas obras do proxecto de acondicionamento da Casa-Museo Rosalía de Castro son resultado do convenio de cooperación asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e cofinanciado polos fondos FEDER.

Trátase dun investimento e dunhas obras necesarias para poder acometer posteriormente a reforma do perfil museolóxico da Casa-Museo e dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os e as visitantes.

A Fundación Rosalía de Castro está agora inmersa na procura de financiamento para levar adiante o novo proxecto museografico que foi desenvolvido por Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación. Con esta reforma aínda pendente prevese rematar o conxunto de melloras previstas para a Casa-Museo que foron emprendidas neste 150 aniversario de Cantares gallegos que toda Galicia está a celebrar.