Xosé Ramón Barreiro (1936-2021), algo máis que un historiador
Obituario de Xosé Ramón Barreiro Fernández, padroeiro desta Fundación, asinado por Xosé Luís Axeitos, tamén académico e compañeiro do historiador falecido nalgunhas investigacións.
[Artigo de Xosé Luís Axeitos, padroeiro da Fundación Rosalía, académico e coautor -canda X.R. Barreiro- de ‘Cartas a Murguía (1886-1923)’ e ‘IV Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas’, publicadas nesta casa]
Acollémonos no titular á lítote “algo máis”, que é o contrario da esaxeración e a hipérbole, para aproximármonos coa necesaria prudencia ao legado intelectual de Xosé Ramón Barreiro, falecido na madrugada do día 17 de marzo na Coruña, cidade na que residía. Era padroeiro da Fundación Rosalía, responsabilidade que acababa de renovar no último plenario celebrado o pasado mes. Participou con nós xenerosamente en diversas actividades, con colaboracións en Follas Novas. Revista de estudos rosalianos, sendo ademais coautor do monumental epistolario da familia Murguía-Castro publicado pola Fundación. Precisamente unha das súas últimas intervencións públicas foi con ocasión da presentación do tomo III desta obra que tivo como escenario as terras rosalianas de Iria.
Non resulta fácil esbozar a profundidade e complexidade da obra que nos deixou en herdanza Xosé Ramón Barreiro. Se percorremos a súa bibliografía sen preguiza académica deseguida se mostra como historiador do liberalismo e da Galicia do século XIX (El carlismo gallego (1976), El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977), El campesinado gallego en el siglo XIX. Economía y sociedad (1980), Liberales y absolutistas en Galicia (1808-1833) (1982) iluminando un período difícil da nosa historia tratando episodios e cuestións básicas na formación de Galicia como nación, un dos fíos condutores que vertebran a súa praxe historiográfica. Son obras, en rara coincidencia de especialistas e público lector, aceptadas como canónicas porque renovaron a comprensión do século XIX en Galicia e levantan acta dunha cultura invisibilizada que nos fixo máis libres.
Outro elo vertebrador da obra do profesor Barreiro é a súa concepción da historia como algo transcendente que, máis alá da súa capacidade evocadora e interpretativa, acada sempre unha dimensión moral. Esta concepción moral, de raíz cristiá, é a que o leva á investigación do xénero biográfico, tan caro para a escola francesa dos Annales de orientación máis sociolóxica. Esta faceta biográfica, este desexo de encarnar e poñerlle rostro aos problemas e responsabilidades culmina coa monumental biografía de Murguía (Murguía, 2012). Esta documentada biografía do primeiro presidente da Real Academia Galega comezou a xestarse en realidade moitos anos antes cando Xosé R. Barreiro negocia cos herdeiros de D. Juan Naya, coa colaboración inestimable de D. Antonio Gil Merino, o depósito do arquivo da familia Murguía-Castro do que forman parte as aproximadamente dúas mil cartas recollidas nos catro volumes publicados (os dous primeiros Cartas a Murguía I (Fundación Barrié, 2003) e Cartas a Murguía II (Fundación Barrié, 2005) e os dous seguintes tomos III e IV publicados pola Fundación Rosalía de Castro.
Pero o xénero biográfico xa fora ensaiado e frecuentado na obra Parlamentarios de Galicia. Biografía de Deputados e senadores (1810-2001). Era moi consciente Barreiro da necesidade de preservar a memoria dos responsables políticos desprotexida por mor do individualismo liberal empeñado en distanciarse das xineas dos nobiliarios do Antigo Réxime. Coa súa coordinación rescatáronse preto de 2000 nomes de políticos que representaron Galicia nas distintas lexislaturas dos séculos XIX e XX ofrecendo unha visión de conxunto que combina a análise da institución e a comprensión das realidades sociais e políticas subxacentes. A esta mesma filosofía responden os seus traballos sobre as institucións galegas, responsables de preservar a estrutura socio-cultural da nación. Xorde así a idea e a coordinación da moi visitada Historia da Universidade de Santiago de Compostela (1998). E non é allea a esta inquietude a súa tarefa impagable á fronte da Real Academia Galega.
Fun privilexiada testemuña da profunda renovación que como presidente da RAG levou a cabo na institución e que ben pode servir como símbolo do seu espírito dinámico e dos seus horizontes de futuro. Efectivamente, despois de décadas de decadencia, letargo e silencio a RAG acabou por dotarse dun discurso propio e novidoso que coincidiu coa súa fecunda xestión na mesma. O profesor Barreiro non sucedeu a Fernández del Riego máis que nos repertorios oficiais e administrativos. El mesmo asumiu a responsabilidade dese discurso anovador sendo tesoureiro e marcando as pautas da institución cun honroso e honrado presidente honorífico xa imposibilitado para achegarse á Coruña e tomar responsabilidades. Aínda hoxe, ignorantes a maioría dos académicos da historia da institución, se segue co mantra de atribuírlle méritos alleos, que non necesita por certo, a don Paco. Nunha das últimas conversas que tiven a honra de ter con Barreiro fixen alusión a esta circunstancia e restoulle importancia, abstraído nun mar de libros e papeis. Non hai proba máis contundente da autoría do discurso co que se dotou a Academia na primeira década do século XXI que a coincidencia absoluta entre este e as ideas e conceptos vertebradores da obra de Barreiro.
Xosé Ramón Barreiro colleu unha RAG baleira de contidos, esquecida pola sociedade, invisibilizada por quietismo cunha executiva, presidida por García Sabell, afanada noutros eidos e noutras refundacións.
Aproveitando a proximidade do centenario da institución (1906-2006) comezou a programar un traballo de reconstrución memorialístico no que destacaba o carácter cívico e nacional da institución en todos os eidos: o espírito liberal e progresista dos seus antecesores, o descubrimento de Galicia e a investigación de todo tipo, as orixes migratorias que unían a vontade popular coa cultura, os lugares da memoria forxados durante este proceso etc., etc.
Cada concepto e lugar rememorado, Tui, Carral, Betanzos, contou cunha escenificación reivindicativa que contemplaba o evento con orgullo de país. Nos algo máis de dez anos que tivo a responsabilidade unha serie de actos que culminaron coa magna exposición do centenario foron tecendo un discurso cívico que reservou para a RAG un protagonismo social admitido e respectado pola sociedade. Un valioso legado que Ferrín e os seus colaboradores interpretaron con audacia e que outros serían os encargados de desmantelar.
As súas investigacións sobre o século XIX en Galicia levárono inevitablemente a percibir as dificultades de textualización da cultura e da lingua galega. Como consecuencia, xorde a mirada estimulante, penetrante e sorprendente por veces do estudoso da imprenta e da prensa (Historia de la imprenta en Galicia (1992) e os numerosos artigos que se sucederon en revistas, congresos e exposicións (Colección histórica de periódicos del Museo de La Voz de Galicia (2001). Non pode sorprendernos, xa que logo, que a súa paixón de bibliófilo, compartida coa súa esposa Beatriz, conseguise reunir máis de trinta mil volumes nunha biblioteca familiar xenerosamente xestionada e aberta para amigos e colaboradores. Non deixou Barreiro nos anos setenta de adentrarse, en compañía doutras dúas persoas, na aventura editorial, fundando Pico Sacro, que conta entre os seus fondos con obras innovadoras tanto no campo da historiografía como no da filoloxía, materias esquecidas e relegadas pola Galaxia desa época.
Descoidamos outras moitas facetas e temas tratados polo profesor Barreiro deixando constancia da paixón intelectual con que os tratou tratando sempre de comprender e axudar aos demais a entender a realidade histórica de Galicia porque era consciente, en coincidencia con outros destacados historiadores como Juan Pablo Fusi que quen descoñece o pasado do país no que vive semella estar privado de dereitos civís e culturais.
Pensamos que Xosé Ramón Barreiro, como todo intelectual, aspiraba lexitimamente a que a súa obra o sobrevivise e parece incuestionable a consecución deste anhelo toda vez que conta con dúas poderosas ferramentas: unha, o conxunto dos seus escritos, da súa obra, e outra, a imaxe que ao longo da súa vida proxectou na sociedade. Da primeira, orientada polo afán construtivo do país, xa fixemos un esbozo nas páxinas precedentes; da segunda ben pode servir de paradigma a confidencia recente dunha investigadora da obra de Pardo Bazán que se achegou ao museo da escritora na rúa das Tabernas da Coruña e comentaba, decepcionada, o cambio que sucedera nesas dependencias. Hai anos, lembraba esta persoa, o profesor Barreiro era unha inestimable e poderosa fonte de información e coñecemento da escritora. Hoxe a casa da escritora é unha tumba na que se evocan superficialmente pasaxes da súa vida lembradas por fotografías e tapas de libros. E ata poida que nos presenten a unha persoa especialista en efemérides que sabe moitas cousas de case todo pero as fontes de antano non deitan auga.
Esta visión da profesora decepcionada na procura de información moi ben pode ser a metáfora da importancia de persoas como Xosé R. Barreiro Fernández, que nos acaba de deixar cando aínda nos era necesario.
Malia que o profesor Barreiro pasará para non poucos estudosos da nosa cultura como auctoritas na revolución de 1846 e no carlismo, en realidade era especialista en todos os temas aos que se achegaba co fervor e entusiasmo que o caracterizaban intelectualmente.
A profunda formación humanística do profesor Barreiro capacitouno para poder impartir un curso ou unha conferencia sobre os máis diversos temas confiado sempre na capacidade argumentativa e persuasiva da súa brillante oratoria.
Grazas a un discurso rigoroso e axustado goza de gran prestixio como profesor e conferenciante. E non podía ser doutro xeito nun intelectual que cre na palabra como panca da liberdade humana.
Temos viaxado xuntos a vilas e cidades de toda Galicia e quixen acompañalo tamén na derradeira viaxe da Coruña a Santiago e no medio da dor pola perda do amigo, no medio dun reconfortante silencio puiden lembrar as palabras que don Antonio Machado pon na boca da luz dunha mañá, que ben puidese ser a do 18 de marzo de 2021 en Boisaca, para despedir a D. Francisco Giner de los Ríos:
Como se fue el maestro,
la luz de esta mañana
me dijo: Van tres días
que mi hermano Francisco no trabaja.
¿Murió?… Sólo sabemos
que se nos fue por una senda clara,
diciéndonos: Hacedme
un duelo de labores y esperanzas.