Unha renovada museografía 45 anos despois
Reinaugúrase a Casa de Rosalía cunha renovada museografía nun “día histórico” 45 anos despois da súa apertura coincidindo co día do aniversario do pasamento de Rosalía.
O pasado 15 de xullo reinaugurouse a Casa-Museo de Rosalía de Castro, que vén de renovar por completo a súa musealización despois de 45 anos da súa apertura nun día coma hoxe de 1972. Xusto o día anterior rematáronse as obras do sobrado que pechan o proceso dunha profunda renovación, tanto estrutural como museolóxica, que comezou en 2012. Neste acto, ateigado de público que veu de toda Galicia, participaron numerosas autoridades, como o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o presidente da RAG, Víctor Freixanes; e tivo lugar a unha actuación de Amancio Prada, cuxa carreira musical está intimamente ligada a Rosalía de Castro.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía afirmou que “este para nós é un día moi especial e importante. Escollemos esta data porque tamén foi a escolleita cando esta Casa se reformou e se abriu ao público hai 45 anos. É un día para nós, pois, histórico”.
Ademais, como todos os 15 de xullo, cando se celebra o 132 aniversario do pasamento da poeta, entregóuselle a Rosa de Galicia a unha persoa ou institución que tivese destacado na promoción do legado rosaliano. Nesta ocasión Angueira entregoulle esta distinción á familia de Camilo Agrasar, definido por Anxo Angueira como “alguén do pobo, republicano e galeguista, quen velou durante toda a súa vida por esta casa, quen se entregou a ela con paixón nos tempos máis difíciles e quen lle testou, como despois seguiu facendo a familia, documentos e pezas de valor para nós incalculable”. Recolleu o emblema Casilda Agrasar, filla de Camilo.
A nova Casa-Museo
O acto comezou cunha visita á renovada Casa-Museo que renova case por completo a súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporando ao seu discurso novas pezas. Polo tanto, o obxectivo desta reforma é ofrecer unha perspectiva que lle permita comprender ao/á visitante a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando a información esencial para entender a súa obra, a do seu marido e dos seus fillos.
As obras de acondicionamento comezaron en decembro de 2012 e a nova musealización rematou estes días coa reforma do sobrado da Casa-Museo segundo o proxecto realizado por Pepe Barro e financiado pola Deputación da Coruña.
As liñas museográficas mesturan a exposición de pezas senlleiras como o retrato de Rosalía por Modesto Brocos ou mobles da familia Murguía-de Castro, coa reprodución de documentos de arquivos e bibliotecas como manuscritos ou edicións especiais. Fundamental é tamén a incorporación de pezas audiovisuais integradas na visita, así como a incorporación de audioguías, incluídas no prezo da entrada, que posibilitarán acceder a outros contidos e facilitarán a visita en galego, castelán e inglés.
O sobrado
A parte nova que poderemos ver a partir do sábado é o sobrado, onde se continúa coa liña de renovación xa levada a cabo na primeira planta. Talvez o máis importante sexan as pezas que agora se incorporan ao novo discurso: os cadros de Ovidio, o guecho de pelo de Rosalía, o piano e o tresillo familiares, a réplica do vestido ou os documentos do Arquivo Ramón Baltar Feijóo, entre outros.
En canto á museoloxía, as maiores intervencións son as realizadas nas primeiras estancias (antes comedor e cuarto das nenas), que agora son un único espazo dedicado á familia Murguía-Castro como unha factoría cultural, para cuxa explicación serve un monitor que reproduce o conxunto dos membros na célebre fotografía realizada na horta da Casa en 1884. Haberá un espazo principal para Murguía, Alejandra, Gala e Ovidio.
En canto ao espazo central do cuarto no que morreu Rosalía, este vai ser aproveitado para explicar o proceso de mitificación da autora a través de diferentes pezas expositivas: coroas históricas, relicario, poemas, traducións… A cama, como referente principal e acompañada do cadro de Ovidio que representa a Rosalía xacente, permanecerá como peza central.
O salón da casa vese fortemente alterado ao centrarse no discurso feminista de Rosalía, con proxección de vídeo e audio sobre o tema, con textos en galego e castelán da autora tirados de cartas, poemas, prológos, artigos e manifestos da propia Rosalía, sobre a condición da muller como intelectual, como traballadora, como persoa. Aquí incorpóranse pezas coma o cadro de Ovidio “Árbore no monte”, a réplica do vestido de Rosalía, o piano, o tresillo…
Finalmente, o derradeiro espazo leva por título “Os pais do país”, mensaxe clara e concisa: Rosalía e Murguía son os artífices intelectuais da Galicia contemporánea, do país que somos. Ademais do recanto dedicado ao Arquivo Baltar Feijoo, onde se expoñen documentos de Rosalía, Murguía e Castelao, na sala haberá unha vitrina central na que se mostrará pregada a bandeira utilizada na inauguración do monumento a Rosalía en Padrón en 1957, bandeira custodiada por Camilo Agrasar e utilizada en toda a comarca en actos galeguistas e recentemente doada á Fundación. No fondo da sala varias pantallas ofrecerán unha fervenza de imaxes, desde rosas múltiples a rosalías diversas, pasando por murguías e nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro de Padrón debuxando a bandeira galega.