Tres novos cadros de Ovidio e un guecho de cabelo de Rosalía para a Casa-Museo
A Deputación da Coruña entrega á Fundación Rosalía de Castro tres obras de Ovidio Murguía e un crecho de cabelo da escritora. Estas pezas incorporaranse á nova museoloxía que se inaugurará o vindeiro 15 de xullo, 45 anos despois de que se abrise a casa en 1972.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, fixo entrega esta mañá á Fundación Rosalía de Castro de tres óleos de Ovidio Murguía –fillo de Rosalía e Manuel Murguía- e un crecho de cabelo da escritora. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, anunciou que estas pezas formarán parte do conxunto expositivo da casa a partir do vindeiro 15 de xullo.
Tres novos óleos de Ovidio Murguía e un crecho de cabelo de Rosalía compoñen a nova cesión da Deputación da Coruña á Fundación Rosalía de Castro. As catro pezas formarán parte do conxunto expositivo que se mostrará ao público ao remate do proxecto de musealización que se está a desenvolver neste momento na Casa-Museo a través dun convenio coa propia Deputación da Coruña.
Cando o vindeiro día 15 se inaugure a nova fase da musealización da Casa-Museu de Rosalía de Castro as obras “A feira de Santa Susana”, “Paisaxe de inverno no Sarela” e “Amor Durmido/ Retrato de Gala Murguía” formarán parte do conxunto artístico do centro, en que se atopan varias obras do fillo de Murguía xa cedidas pola Deputación da Coruña. Canda os tres óleos, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, entregou un crecho de cabelo de Rosalía que ficaba en depósito da institución con orixe no legado da familia de Juan Naya, bibliotecario da Real Academia Galega que está na orixe de boa parte das pezas relacionadas con Rosalía de Castro que se custodiaban no Pazo de Mariñán.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou a relación intensa coa Fundación Rosalía de Castro, con quen colabora tamén na musealización do seu andar superior, nun ano de especial significación en que se fai o 180 aniversario do nacemento da escritora. Ademais, Goretti Sanmartín insistiu na vontade do gobernó da Deputación da Coruña de poner a disposición do público o seu patrimonio e, nese sentido, “o destino natural destas obras de Ovidio Murguía é precisamente a casa en que habitou a familia”. A tamén responsábel da área de Cultura lembrou a recente cesión ao Museo de Belas Artes da Coruña da obra “O Discurso” de Díaz Pardo para enmarcar o acto na Casa Museo de Rosalía na mesma liña de “buscar que pezas patrimoniais e artísticas de grande valor se instalen en espazos onde o público poda ter un fácil acceso xa que un dos obxectivos das institucións ten que ser difundir a nosa historia e o noso patrimonio artístico”.
Nese sentido, mostrou tamén a súa satisfacción ao contribuír a reforzar a Casa de Rosalía como “un lugar de referencia para galegos e galegas e tamén de proxección da nosa escritora, sen dúbida, o valor máis universal da nosa cultura. A casa é un dos lugares máis visitados de Galiza e queremos facer o posíbel para que sexa un espazo de privilexio e dignidade para difundir a obra e a figura de Rosalía de Castro.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía afirmou que “a colaboración coa Deputación foi fundamental” para a nova museoloxía da Casa-Museo. Segundo Anxo Angueira “as súas achegas nestes útimos anos, e esta en concreto, supoñen un salto cualitativo extraordinario para Casa de Rosalía. Estamos moi agradecidos por esta achega, xa que o patrimonio expositivo da Fundación con todas estas obras de Ovidio medra de xeito importante. E o guecho de cabelo de Rosalía ten tamén un valor simbólico especial”.
A historia do crecho de Rosalía de Castro
O 4 de outubro de 1950, Gala Martínez-Murguía Castro, filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, doa “efectos de súa casa, roupas, mobles, cadros, valores e créditos pendentes” á nai de Juan Naya Pérez, Enriqueta Pérez Ríos. Case cincuenta anos despois, en novembro de 1997, a familia herdeira de Juan Naya, que fora Cronista Oficial da cidade da Coruña e bibliotecario da Real Academia Galega, asina un contrato polo que a Deputación da Coruña adquire diversos bens de carácter histórico-artístico seguintes entre os que se atopa un tresillo Isabelino caoba e un lote de documentos autógrafos ademais das obras de Ovidio Murguía: “Paisaxe de inverno no Sarela”, “Amor dormido”, “Muller lavando”, “Alegoría para un teito”, “Casa campestre”, “Sol e sombra” e “Retrato de Rosalía”. A familia de Juan Naya doa tamén os bens de carácter histórico-artístico: “Primavera”, “Verán”, “Outono” e “Inverno” de Ovidio Murguía, exemplar nominal de ‘Inéditos de Rosalía’ propiedade de Gala Murguía e caricatura de Emilia Pardo Bazán de Castelao. Nese lote de bens entregouse un crecho de Rosalía de Castro que pasou a formar parte do patrimonio da Deputación Provincial da Coruña e que estivo exposto no Pazo de Mariñán ata xuño de 2017. O propio Juan Naya falou nunha conferencia pronunciada en Madrid en 1983 da existencia de dous crechos máis de Rosalía de Castro, un cedido ao Centro Galego da Habana e outro que se atoparía na Academia Galega.
OBRAS CEDIDAS DE OVIDIO MURGUÍA:
“A Feira de Santa Susana” (1892)
Óleo sobre lenzo 68×97 cm.
O cadro pertence á primeira etapa do artista, cando residía coa súa familia en Santiago, aínda que posibelmente sexa unha obra que xa expoña na Coruña a partir de 1895. Trátase dunha obra de grande interese na súa produción xa que é un exemplo singular da súa traxectoria preferentemente paisaxística. Con cores brillantes, o pintor emprega unha paleta ampla co fin de ser fiel á realidade mais con predominio do ocre, que máis tarde e xunto aos verdes, vaise constituír como unha gama cromática esencial. A obra foi adquirida pola Deputación en 1943.
“Paisaxe de inverno no Sarela” (1890)
Óleo sobre lenzo, 94×73,5 cm.
O óleo busca captar a esencia dunha paisaxe real galega a través da súa luz e cor, construída con esquemas e motivos que a finais do século XIX se consideraban necesarios no paso da paisaxe ao lenzo. O cadro responde ao gusto pola subxectividade e o sentimentalismo claramente romántico e, tamén a asociación romántica da transmisión de estados anímicos coa estacións do ano e as horas do día. A obra foi adquirida en 1997 pola Deputación aos fillos do que fora Cronista Oficial da cidade da Coruña e bibliotecario da Real Academia Galega, Juan Naya Pérez
“Amor Durmido/ Retrato de Gala Murguía” (1894)
Óleo sobre lenzo 86×59 cm.
Co nome “Retrato de Gala Murguía” ou “Amor durmido” coñécese esta obra que estaba sendo pintada en novembro de 1894 segundo a cita aparecida nunha crónica asinada por Galo Salinas Rodríguez publicada en “La Tierra Gallega de La Habana. Adscríbese ao xénero de retrato mitolóxico, que volve ter vixencia a finais do século XIX, mercede ao eclecticismo e a consecuente recuperación de pretéritos temas pictóricos e, tamén, ao inicial desenvolvemento do simbolismo que, nun primeiro momento, remite a fórmulas mantidas ao longo de todo o século XIX pola pintura académica. Resulta novidoso que o autor presente á protagonista de perfil co “amoriño” no espazo central. Como no caso de “Paisaxe de inverno do Sarela”, a obra foi adquirida pola Deputación á familia herdeira de Juan Naya.
Ovidio Murguía (1871-1900)
Fillo de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, Ovidio Murguía naceu en Lestrove en 1871. En 1887 matricúlase na clase de debuxo de José María Fenollera imparte na Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, onde traba amistade co mozo Jenaro Carrero e, sobre todo, coñece no museo desta institución, mercede aos depósitos do Museo do Prado, obras representativas do máis granado do paisaxismo español do momento que lle serven de base sólida a súa formación como pintor.
Visita Madrid por primeira vez en 1892 e tres anos máis tarde instálase na Coruña, cidade á que fora trasladada seu pai ao se incorporar ao arquivo do Reino de Galicia, e expón varias obras nos escaparates da rúa Real que lle serven para adquirir certa notoriedade na cidade.
En 1897 decide completar a súa formación en Madrid. Falto de recursos propios, instálase na casa do seu curmán, o escritor Alejandro Pérez Lugín, quen, ademais, sérvelle de introdutor nas tertulias de artistas e intelectuais, mentres desenvolve unha formación autodidacta no Museo do Prado e pintando paisaxes nos arredores de Madrid, á marxe dos talleres dos artistas consagrados e, mesmo, das clases na Escola Superior da Academia de San Fernando, recibindo iso si, numerosos consellos artísticos de seu pai, preocupado pola deixadez que a miúdo mostraba o mozo Ovidio.
En 1898 oposita e logra unha das prazas de debuxo de figura do Círculo de Belas Artes e consegue un traballo no Ministerio de Ultramar. Nese mesmo ano, o presidente do Senado, Montero Ríos, a pesar do enfrontamento que mantiña con Manuel Murguía, encárgalle a decoración dos salóns do Pazo de Lourizán, o que lle outorga unha certa autonomía económica que lle permite abandonar a casa de Pérez Lugín. Enfermo de tuberculose trasládase ao balneario de Caldas e, logo, a súa casa da Coruña onde falece en 1900.
A súa figura encádrase coa do seu compañeiro de estudos Jenaro Carrero e a de Parada Justel e Joaquín Vaamonde na que Bello Piñeiro denominou como a Xeración Doente.
(do “Catálogo de Patrimonio da Deputación da Coruña” dirixido por Antonio Garrido).