Tomiño convértese no primeiro concello Mecenas da Casa de Rosalía
Con esta decisión Tomiño refrenda así o seu compromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente a súa creación en 1953 cunha doazón de 500 pesetas e en 1971 -previa á apertura da Casa-Museo- de 2.000 pesetas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou este mediodía a Casa-Museo Rosalía de Castro para confirmar que se converterá no primeiro concello Mecenas da Casa de Rosalía, tal e como aprobou o pleno do Concello o pasado 26 de decembro. Este acordo forma parte do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.
En virtude deste acordo, polo que o Concello de Tomiño achega 2.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Con esta decisión Tomiño refrenda así o seu compromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente a súa creación en 1953 cunha doazón de 500 pesetas e en 1971 -previa á apertura da Casa-Museo- de 2.000 pesetas.
Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.
Segunda subscrición popular
A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.
Faite Amiga/o, Protector/a, Voluntaria/o ou Mecenas da Casa de Rosalía.