Asaka publica en xaponés ‘Contos da miña terra’
Takekazu Asaka acaba de publicar en xaponés ‘Contos da miña terra’, única tradución desta obra de Rosalía publicada en 1864.
O filólogo nipón e especialista en literatura galega Takekazu Asaka vén de publicar a primeira tradución do galego a outra lingua de ‘Contos da miña terra’ un texto de Rosalía de Castro publicado en 1864, xustamente agora hai 150 anos. Trátase do primeiro conto dunha serie da que non coñecemos máis orixinais.
“Contos da miña terra” (1864) foi publicado en ‘El Avisador’ da Coruña. Trátase dun conto no que Rosalía emprega a mesma estratexia ca en ‘Cantares gallegos’. A partir dun conto popular misóxino, coñecido xa na antigüidade clásica, revira a misoxinia do mesmo cara a unha dimensión feminista. A viúva agora é vítima de desvalemento e miseria, máis que por causa da morte do seu home, polas regulamentacións legais discriminatorias.
Esta tradución ao xaponés consta dun prólogo da especialista profesora María do Carme Ríos Panisse e un CD coa lectura do texto. Está editado por DTP Publishing (Toquio – Xapón), a mesma editorial que xa lle editara a Asaka a súa tradución de Cantares gallegos de 2009.
Takekazu Asaka é profesor de Filoloxía Románica na Universidad de Tsudajuku e o maior especialista xaponés en cultura galega. Ademais da edición bilingüe de ‘Cantares gallegos’, publicou unha guía de conversa xaponés-galego e un vocabulario galego-xaponés, ademais da primeira gramática galega en xaponés.