Sinatura do convenio anual coa Deputación
“Como un centro de referencia privilexiado para a cultura e o turismo no país”, así definiu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín a Casa Museo Rosalía de Castro na visita institucional que se desenvolveu este venres 13 de novembro na que se asinou o convenio coa entidade.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, visitou a Casa Museo Rosalia de Castro en Padrón e destacou a condición de centro de referencia para a cultura e tamén para o turismo no país. En xuntanza co presidente da Fundación, Anxo Angueira, estudáronse as posibles liñas de colaboración de cara ao futuro desta institución.
No acto que tivo lugar en Padrón rubricouse tamén o convenio polo que a Deputación da Coruña contribúe ao desenvolvemento de actividades encamiñadas a promover o coñecemento da figura de Rosalía de Castro e e o estudo, edición e divulgación da súa vida e obra a través do Centro de Estudos Rosalianos, que ten a sede na propia Fundación. O convenio, polo que se fai unha achega de 20.000 €, contempla ademais a conservación da casa de Rosalía de Castro, a horta e xardín e os demais edificios que compoñen o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, situada na Matanza.
Na visita, Goretti Sanmartín e Anxo Angueira estudaron tamén novas vías de colaboración encamiñadas á finalización da renovación museográfica da Casa-Museo, da que xa se rematou a primeira fase correspondente á planta baixa mais resta por executar a reforma da planta superior.