En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas (“Lieders” e “Las literatas”), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a padronesa afondou como poucos nalgúns dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu.
Por outro lado, Rosalía de Castro contribuíu como ningún outro autor ou autora do seu tempo na xénese e afirmación do sistema literario galego contemporáneo. A publicación de Cantares gallegos en 1863 supuxo un remuíño decisivo na súa obra, pero tamén un golpe estratéxico de enorme transcendencia para o futuro das letras galegas. Era o primeiro libro escrito integramente en galego e nel se contiñan as claves da alegoría nacional da Galicia contemporánea, logo redimensionadas en Follas novas, obra coa que acabou por selar o vigor e a fortaleza do incipiente sistema. E Galicia como preocupación social e política, sempre sobre o fondo da súa Terra de Iria, continúa sendo o suxeito do seu discurso no que debería considerarse libro cume da poesía en castelán do XIX: En las orillas del Sar.
Obras
La flor (1857)
Madrid: Imprenta M. González.
Publicado no mesmo ano ca Les fleurs du mal de Baudelaire, é o primeiro poemario dunha Rosalía de vinte anos. Aínda que nunha retórica distinta sen substrato social, aí están xa concentrados algún dos principais motivos literarios: a muller traizoada, a perda irreparábel… esa flor seca, murcha, de cemiterio.
Lieders (1858)
En El Álbum del Miño. Vigo.
Trátase dun texto breve e con xeitos de manifesto, e de manifesto feminista, no que a autora fai un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade: “Yo soy libre. Nada puede contener la marcha de mis pensamientos y ellos son la ley que rige mi destino”
La hija del mar (1858)
Vigo: Imprenta de J. Compañel.
Ambientada na paisaxe da Costa da Morte e de Muxía, trátase dunha novela moi imaxinativa onde a desolación das personaxes, vítimas de complicados e apaixonados conflitos sentimentais e con especial protagonismo feminino (Teresa e Esperanza), están proxectadas no marco xeográfico, descrito como áspero e deserto.
Flavio (1861)
Pubicado por entregas en Crónica de ambos mundos. Madrid.
Novela ambientada na Terra de Iria (o seu título sería un claro índice) na que os conflitos da paixón entre Mara e Flavio están enmarcados noutras tensións de carácter social (entre o primitivo e mesmo medieval e rural co moderno, capitalista e rural) nas que a paisaxe ou a identidade teñen tamén o seu teatro. A frase inicial é ben significativa a este respecto: “La verdadera patria del hombre es el mundo entero”.
A mi madre (1863)
Vigo: Imprenta de Juan Compañel.
Conxunto de catro poemas longos escritos inmediatamente despois da morte da nai, María Teresa de Castro y Abadía (1804-1862), figura figura clave na biografía da autora e cuxa estirpe cantou tamén no célebre poema “Como chove miudiño”.
Cantares gallegos (1863)
Vigo: Imprenta de Juan Compañel.
Primeiro libro integramente en galego que marca o inicio do denominado Rexurdimento pleno. Asociada á lírica e á esfera popular, a autora utiliza esta dimensión para desenvolver unha alegoría nacional sobre a dignidade de Galicia (a cultura, a lingua e a paisaxe) e a súa épica (a emigración). Non menos importante é a expresión dun afouto pensamento crítico, especialmente social e feminista.
Contos da miña terra (1864)
En El Avisador. A Coruña.
Trátase dun conto no que Rosalía emprega a mesma estratexia ca en Cantares gallegos. A partir dun conto popular misóxino, coñecido xa na antigüidade clásica, revira a misoxinia do mesmo cara a unha dimensión feminista. A viúva agora é vítima de desvalemento e miseria, máis que por causa da morte do seu home, polas regulamentacións legais discriminatorias.
Las literatas. Carta a Eduarda (1866)
En Almanaque de Galicia. Lugo.
Texto feminista formulado a través do xénero epistolar no que a autora, partindo de reflexións feitas a partir da experiencia propia, explica as difíciles circunstancias que padecen as mulleres escritoras, as “literatas”, sometidas a constantes incomprensións, burlas e menosprezos, nun mundo de escritores.
El cadiceño (1866)
En Almanaque de Galicia. Lugo.
Estampa costumista protagonizada por unha personaxe-tipo na que Rosalía satiriza un emigrante a Cádiz. No seu regreso é retratado coma un botaporela, coma un monicreque renegado, caraterística especialmente remarcada pola caracterización lingüística que del fai a autora.
Ruinas (1866)
Publicada por entregas en El Museo Universal. Madrid.
Novela protagonizada por tres personaxes situados arredor de dous mundos sociais en conflito: o do Ancien Régime e o do incipiente capitalismo. Tema singularmente presente en toda a obra a través da imaxe das ruínas, evocada desde múltiples ópticas, e asociada á modernidade e ó progreso.
El caballero de las botas azules (1867)
Lugo, Imprenta de Soto Freire.
Considerada como a máis lograda novela de Rosalía, trátase dun diálogo e dunha peregrinación polo Madrid do seu tempo. A enigmática figura do cabaleiro convértese nun instrumento crítico coa sociedade e coa literatura da época. Novela de novelas, o seu realismo é dunha textura descoñecida naquela altura.
Follas Novas (1880)
Madrid – La Habana: La Ilustración Gallega y Asturiana – La Propaganda Literaria.
Obra que mantén certa dimensión popular de Cantares gallegos e que avanza en varios aspectos da épica galega da emigración, agora centrada totalmente nas mulleres (viúvas de vivos e mortos), pero especialmente tamén no mundo interior e subxectivo, onde reinan motivos coma o da negra sombra. A metapoesía e as posicións sociais avanzadas complementan unha obra de total radicalidade.
El primer loco. Cuento estraño (1881)
Madrid: Imprenta y Librería de Moya y Plaza.
Trátase dunha narración novelesca moi en sintonía coa subxectividade de Follas novas e ambientada nunha referencia xeográfica deste libro de poemas: a Compostela dos barrios, en concreto Conxo. Nese marco atopan escenario as ansias e angustias de Luís en relación a Berenice, o misterio, a fantasía e a loucura.
El domingo de Ramos (1881)
Apéndice de El primer loco. Cuento extraño.
A súa disposición editorial como apéndice de El primer loco crea vínculos temáticos entre a deforestación denunciada na novela anterior e o costume relixioso de iren as mozas con ponlas, de oliveira especialmente, á procesión do domingo de Ramos: a natureza destruída ou rexenerada pola man do home.
Padrón y las inundaciones (1881)
Catro entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana.
Artigo asinado nas Torres de Hermida de Lestrobe, espazo biográfico de primeira magnitude en Rosalía, como nel se confesa, fai unha descrición das sucesivas cheas que durante un inverno provoca o Sar na veiga de Padrón, observadas desde as fiestras do pazo, ó tempo que reclama solución para esta continua cruz que padecen os seus habitantes.
Costumbres gallegas (1881)
Artigo de catro capítulos publicado en dúas entregas en Los Lunes de El Imparcial. Despois de cantar as excelencias de Galicia e das súas xentes, especialmente acolledoras, a autora acaba describindo un costume da Galicia costeira, moi arcaico segundo ela, equivalente á prostitución hospitalaria ou doméstica, que implicitamente é unha denuncia do uso da muller coma préstamo sexual.
En las orillas del Sar (1884)
Madrid: Tipografía de Ricardo Fe.
A liña de achegamento progresivo entre o suxeito da enunciación e o eu autorial alcanza o seu punto culminante nesta obra de aceirado realismo. Xa non hai pantallas nin cortinas. Continúa a épica da emigración, pero agora faise máis dura a simboloxía nacional en “Los robles”. A perda, o fracaso, o pesimismo, tanto persoais coma comunais, enchen un libro que é colofón extraordinario a toda unha vida e a toda unha obra.