Rita Bugallo e Miguel Lois, novos membros da Fundación
O pasado 9 de novembro celebrouse un novo plenario da Fundación Rosalía de Castro no que tomaron posesión dous novos padroeiros: a profesora Rita Bugallo e o paisaxista Miguel Lois.
Desde o pasado 9 de novembro temos novos integrantes do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, que foron aprobados por unanimidade polo plenario na súa sesión anterior do 9 de marzo. Tanto Rita Bugallo coma Miguel Lois viñan colaborando con esta institución de diferentes xeitos e agora intégranse no seu principal órgano.
Rita Bugallo é licenciada en Filoloxía Galega e profesora de ensino secundario. Na Fundación colabora fundamentalmente en temas relacionados coa educación e en contidos da Casa-Museo para as crianzas.
Miguel Lois é enxeñeiro técnico agrícola e paisaxista, alén de presidente da Asociación Cultural Os Penoucos. Asesora á Fundación en temas de paisaxismo e xardinería e coordina os traballos de reforma do Xardín da Casa de Rosalía, que vai ser levado a cabo en 2024.