O Xardín de Rosalía
Na primavera de 2024 inauguramos a reforma do Xardín de Rosalía, un “chanzo máis”, en palabras de Anxo Angueira, “no proceso de modernización xeral que estamos levando a cabo na Casa de Rosalía desde o ano 2012, logo da renovación da Casa-Museo, a súa musealización, os accesos, o pavimento e o auditorio”.
O Xardín da Casa de Rosalía é un espazo de extraordinario interese histórico e botánico [ver sección Patrimonio Botánico desta web]. Ademais de figurar na Ruta das Camelias pola abundancia e variedade desta especie, nel medra unha árbore senlleira de Galicia, como a Figueira de Rosalía, e outras árbores tamén catalogadas e protexidas, como a Camelia Rosalía de Castro ou o ombú e o ceibo agasallados pola Casa de Galicia de Bos Aires. En todo caso, o Xardín é un complemento enriquecedor e complementario da Casa, no que doadamente podemos evocar o papel fundamental da paisaxe e da botánica na obra de Rosalía e mesmo o seu carácter pioneiro na defensa da natureza e do seu equilibrio ecolóxico.
A reforma realizada en 2024 ten o obxectivo, segundo o paisaxista Miguel Lois, de “potenciar o carácter ornamental, conseguir unha maior naturalización do xardín e simplificar o mantemento”. Os novos espazos creados seguen o criterio do paisaxismo naturalista que se caracteriza por darlle liberdade á flora para crear espazos que simulan á natureza da contorna.
A vexetación é a verdadeira protagonista da reforma, coa introdución dunha maior naturalización, introducindo especies citadas no ‘Herbario de Rosalía’ e que son comúns en todo o país, como distintos tipos de rosas (a flor máis citada por Rosalía, que era chamada Rosa pola familia), estraloques, lirios, fieitos, carballos e moitas outras. Tamén se procedeu á replantación de “albariñas uvas” (tal e como aparece na obra de Rosalía) nas vides da Horta.
Accesibilidade e sustentabilidade
Na entrada ao xardín reconstruíuse por completo o pavimento de pedra existente, facendo á súa vez accesible o acceso principal. Tamén se instalou un sistema de rega automática en cada unhas das novas zonas de plantación, empregándose o sistema de rega por goteo, moito máis sostible e ecolóxico.
A reforma do xardín tamén trouxo consigo novos modelos de xestión do mantemento. Nas pradeiras o visitante poderá ver zonas coa herba sen cortar, de forma deliberada: aumentouse o grao de naturalización para favorecer a aparición da flora espontánea ou a flora humilde que ocupa un lugar verdadeiramente destacado na produción literaria de Rosalía, a que ela mesmo chamou as “herbas do campo florido” e as “herbiñas do camposanto”. O obxectivo é xerar un mosaico rico en estratos ecolóxicos que melloran a biodiversidade (flora), xeran hábitat, alimento e zonas de refuxio para a aves, polinizadores e invertebrados, ao tempo que facilitan a conectividade ecolóxica dentro do espazo verde e entre as distintas zonas. Estas pradeiras naturalizadas, formadas por plantas de maior altura, e polo tanto con maior sistema radicular, mellor adaptadas e resistentes ao estrés hídrico e con menor consumo de auga e recursos. A sega diferenciada xera variedade de alturas e composición vexetal, mellora a biodiversidade e os beneficios proporcionados polos espazos verdes. En definitiva, esta forma de xestión é a correcta e a máis respectuosa co medio ambiente, conseguíndose máis servizos ecosistémicos.
Paisaxismo naturalista
Actualmente, nos ámbitos das pradeiras naturalizadas, lugar onde medran as “herbas do campo florido” téñense identificado as seguintes especies: agullas de pastor, agulleiras, botóns de ouro, corniños, estrugas morta, herbas corocha, herbas viboreira, mexacáns, milfollas, ortigas, setes na rama, trevos, violetas, margaridas ou amorodos silvestres. Nos muros de pedra do xardín, lugar onde medran as “herbiñas do camposanto” identificáronse especies como as hedriñas das paredes, celidonias, piñeiriñas, herbas da pedra, couselos ou hedras. Todas estas especies identificadas, tato nas “herbas do campo florido” como nas “herbiñas do camposanto”, están incluídas no herbario feito polas profesoras María Isabel Fraga Vila e María López Sández. Sen lugar a dúbidas, é nestes espazos onde a natureza se amosa con maior intensidade, aumentando á súa vez a biodiversidade no xardín.
Os novos espazos de plantación creados seguen o criterio do paisaxismo naturalista que se caracteriza por darlle liberdade á flora para crear espazos que simulan á natureza da contorna. Trátanse de introducir especies que, ademais de posuír un alto valor estético e especies autóctonas, contribúan a reconectar coa natureza, mellorando á súa vez a biodiversidade, con menos requirimentos de consumo de auga e favorecendo o coidado do solo e fauna. Un dos principais beneficios da xardinería naturalista é a conservación da biodiversidade, ao incluír variedades locais, favorécese a chegada de polinizadores e outras especies. Outro beneficio é o control de pragas, pois ao existir unha grande variedade de especies, a presenza de insectos que atacan ás plantas redúcese.
A totalidade da planta subministrada e plantada no xardín foi producida en Galicia.
Musealización do Xardín
Alén de reformar o Xardín de Rosalía, quixemos ampliar o discurso museolóxico da Casa-Museo de Rosalía de Castro ao exterior da Casa da Matanza, ao Xardín, que inclúe o desenvolvemento e produción de contidos multimedia, paneis informativos e audioguías en varias linguas para ampliar a información a través de códigos QR.
[Audioguías en galego] [Audioguías en español][Audioguías en inglés][Audioguías en francés]
CRÉDITOS da reforma de 2024
Proxecto: ORZA Paisaxismo
Redacción do proxecto: Carmela Moral Ardines (Arquitecta paisaxista + Enxeñeira agrónoma), Marcos Regueiro Méndez (Enxeñeiro agrónomo) e Miguel Lois Barreiro (Arquitecto paisaxista + Enxeñeiro técnico agrícola)
Dirección de obra: Miguel Lois Barreiro (Arquitecto paisaxista + Enxeñeiro técnico agrícola)
Execución: Tierra y Jardín (xardinería), Constructora Alpanide (cantería) e Forxa Chago (carpintería metálica)
Subministro planta: Viveros Franco, Viveros da Barxa e Fomento Vegetal de Galicia
Orzamento: 75.000 € execución + 5.000 € proxecto
Financiamento: Deputación da Coruña (60.000 €) + Concello de Padrón (15.000 €)
Superficie de actuación: 3.788 m2
Tradución das audioguías: Mar Tubío e Christine García
Interpretación das audioguías: Manuel Lorenzo Baleirón, Mar Tubío e Christine García