Proxección do filme ‘Mater Amatísima’ de María Ruído
Hora:
19.00
Lugar:
Auditorio da Casa de Rosalía
Anótao en
- Venres 7 de outubro.- 19h Casa Museo Rosalía de Castro, Padrón (A Coruña).
Entrevista María Ruido e proxección do filme ‘Mater Amatísima’, 2017
‘ULTREIA ET SUSEIA, Cinema Galego’
A Asociación Cultural eSe8, organizadora do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, pon en marcha a itinerancia do seu programa ‘Ultreia et Suseia, Cinema Galego’. Unha colección de monográficos de varias das nosas cineastas máis destacadas hoxe en día, que sirva de plataforma de visibilización do seu traballo para o público xeral.
Logo da súa versión online o ano pasado, con pílulas documentais sobre o traballo de Carla Andrade, Diana Toucedo, Xisela Franco ou Tono Mejuto, entre outros, nesta nova edición o programa realizará unha itinerancia por diferentes localidades de Galicia coa que se sumarán novos autores como María Ruido, Eloy Domínguez e Xacio Baño. O obxectivo é que as nosas artistas de cinema de vangarda cheguen a todo o público do noso país ao tempo que se dinamiza a oferta cultural das vilas do camiño e as súas diferentes vertentes. Que máis alá do (S8) ou outros festivais de cinema máis “periférico”, o público de diferentes vilas galegas coñeza de primeira man ás súas cineastas, achegándolles o que aportan estes eventos: o contacto non só coas películas senón coas creadoras que hai detrás delas, co seu traballo, temática e motivacións; coa importancia que o seu cinema ten malia non estar sempre nos circuítos máis comerciais. Ou precisamente por iso.
Este proxecto audiovisual realizouse no marco do programa, O teu Xacobeo ao abeiro do Fondo de proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
MARÍA RUIDO
O audiovisual como ferramenta de pensamento, a montaxe como forma de elaboración dun discurso crítico e combativo: esas son (algunhas) das armas de María Ruido, creadora e investigadora galega que xa ten ás súas costas unha carreira de fondo de máis de 20 anos de produción cultural. Precisamente polo carácter rico e multidimensional da súa obra, o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña dedícoulle en 2018 un ciclo que se expandíu máis alá dos días do festival, comezando o 21 de abril coa inauguración dunha exposición adicada á súa obra na Fundación Luís Seoane (día no que tamén se puido ver La memoria interior (2002) e Lo que no puede ser visto debe ser mostrado (2010), e que culminou durante o festival coa estrea de Mater amatísima e un encontro coa artista. Dese fito se extrae o programa que agora itinerará polas nosas vilas galegas xunto á proxección desa mesma peza.
Mater amatísima describe no seu subtítulo a dirección da súa investigación: trátase dunha revisión dos imaxinarios e discursos sobre a maternidade en tempos de cambio, partindo da idea da maternidade como construto e ferramenta de control social.
María Ruido é artista, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e en Barcelona, onde é profesora no Departamento de Arte e Cultura Visual da Universidade de Barcelona. Desde 1998 vén desenvolvendo un traballo audiovisual que se puido ver en centros culturais e de arte como o CGAC, en Santiago de Compostela, o MACBA, o Centre d’Art Santa Mónica e o CCCB, en Barcelona, La Casa Encendida e o MNCA Reina Sofía, en Madrid, o Kunstverein, en Múnic, os Institutos Cervantes de Sofía, Milán, Berlín e Praga, o CCEBA, en Bos Aires, e a Filmoteca da UNAM, en México, entre outros. As súas pezas pasaron tamén por festivais e eventos como o FID Marseille, DocumentaMadrid, a Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona, Zemos, Márgenes, os Rencontres Internationales Paris/ Berlin/Madrid, e Art Basel Hong Kong, entre moitos outros. Ademais, escribiu para diversos libros e publicacións, e é autora dun libro sobre Ana Mendieta.