Presentación do libro sobre a historia dos premios Pedrón de Ouro
Hora:
20.00
Lugar:
Casa-Museo de Rosalía
Anótao en
O vindeiro venres 20 de xuño ás 20 horas presentarase na Casa-Museo de Rosalía o libro ‘Un fío de amor e lealdade a Galicia’, asinado por Xose Ramón Fandiño, que repasa os 60 anos de historia dos premios Pedrón de Ouro, intimamente ligados a esta Casa.
O Pedrón de Ouro, unha das máis ilustres institucións da cultura galega contemporánea, puxo fin á súa traxectoria no ano 2024. Foron 60 anos de actividade incesante a prol da defensa da lingua e da cultura galegas, e esa historia está recollida no libro que se presenta o vindeiro venres 20 en Padrón.
Un fío de amor e lealdade a Galicia: 60 anos da Fundación do Pedrón de Ouro debulla ano a ano esa historia, a biografía dos homenaxeados nos seus premios anuais Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, e fai historia do Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo. Recolle tamén unha escolma imprescindible dos mellores discursos pronunciados nos actos de entrega dos seus galardóns.
Con esta publicación a Fundación quere concluír e deixar memoria dasúa traxectoria comprometida coa defensa da cultura galega para que as vindeiras xeracións poidan recoller e estudar o seu legado. Ademáis do propio autor, intervirán no acto Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, María Xosé Rodríguez, filla de Modesto R. Figueiredo e Severino Álvarez Monteserín, delegado de Cultura da Xunta de Galicia na provincia da Coruña.