Presentación de ‘O clamor da rebeldía’ na Casa-Museo

Hora:

20h

Lugar:

Auditorio da Casa-Museo

O martes 13 de xuño ás 20 horas preséntase no auditorio da Casa-Museo o Anexo nº1 da revista de estudos rosalianos ‘Follas Novas’, a obra ‘O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo’, de Pilar García Negro. Participarán no acto, alén da autora, o director da revista, Xosé Luís Axeitos, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. 

Este libro convértese así no número I dos Anexos de Follas Novas, que aspira, como o seu nome e significación etimolóxica apuntan, a ampliar e completar os horizontes de diálogo coa obra de Rosalía. O estudo da profesora García Negro toma como obxectivo a análise dos elementos paratextuais da obra de Rosalía, títulos, prólogos e dedicatorias das obras máis importantes, nomeadamente. Nesta elección, que fixa a atención en textos considerados menores, comeza a novidade do traballo que presenta unha faceta reflexiva e crítica apenas contemplada da poeta. Os textos, no seu conxunto, esbozan principios e preocupacións moi pouco frecuentados pola cultura da época. Así, por exemplo, as reflexións metaliterarias, consecuencia dun debate reflexivo e do inconformismo diante da creación, obedecen sempre a un distanciamento crítico e negador dos valores estéticos hexemónicos e mesmo á desconfianza que provoca a propia obra.

Desta preocupación e principios que amosan os textos estudados xorden as máis relevantes conclusións esbozadas polo estudo da obra que presentamos: en primeiro lugar, a incorporación de Rosalía a un xénero, o ensaio, sen modelos galegos inmediatos que a guíen; e, en segundo lugar, “o que ten a ver co espertar dunha conciencia específica de xénero, como muller, como galega, como escritora.”

Sen dúbida Rosalía na procura de síntese epistemolóxica, de relación entre o que outros pensadores verían como oposto e negativo na cultura e na literatura, está esbozando unha particular e novidosa teoría da literatura como un todo anticipando así un concepto de compromiso cívico necesario para un país que quería ser libre. E non renuncia nesta liña a autora a propor unha síntese poética que formula unha interrogación que de maneira substancial queda respostada nos textos ensaísticos propostos como análise pola profesora García Negro.