Presentación de ‘Fóra de foco’, de Cristina Pato

Hora:

19.00

Lugar:

Auditorio da Casa-Museo

Presentación da segunda novela de Cristina Pato, ‘Fóra de foco’ (Galaxia, 2025). [Entrada libre]
 
Marieta Carracedo é unha xornalista de Madrid que se obsesiona co traballo e coa vida da fotógrafa neoiorquina Basil Cancela, unha artista que no mellor momento da súa carreira resolve retirarse da vida pública e desfacerse da súa obra. Marieta desexa atopar as razóns que levaron a Basil a tomar unha decisión tan complexa e, polo camiño, emprende unha viaxe persoal que a leva a cuestionar os piares da súa existencia.
A medio camiño entre o West Village de Nova York, Galicia e Madrid, Fóra de foco é unha obra intimista, chea de reflexións sobre a vida moderna e a relación entre a vida persoal e a profesional, pero tamén sobre o público e o privado, sobre a ambición e a soidade, e sobre as circunstancias que levan ás persoas a escoller un camiño ou outro.
 
CRISTINA PATO (Ourense, 1980) é música, escritora, educadora e produtora. Foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Despois de vinte e cinco anos de experiencia como música profesional, percorrendo o mundo coa gaita galega e o piano, agora canaliza a súa creatividade a través da escrita, a produción e a docencia, centrándose no papel das artes na sociedade.