Master class sobre creación inmersiva, por Gloria Rico e Tyler McKechnie
Hora:
19.00
Lugar:
Casa de Rosalía
Anótao en
Gloria Rico e Tyler McKechnie, das compañías Teatro en Punto e Oístes? Teatro, fixeron unha residencia artística na Casa de Rosalía durante o verán para preparar o seu novo proxecto. Pois ben, queren despedirse da Matanza cunha master class sobre creación escénica inmersiva. Será o 19 de setembro ás 7 da tarde.
A actividadeterá lugar no Auditorio, na propia Casa-Museo e, se a climatoloxía o permite, tamén no Xardín.
[Entrada libre]
O teatro «inmersivo» (do inglés immersive theatre) é unha rama do teatro que tenta mergullar ao público nun espazo (tipicamente físico, ás veces virtual) no cal se está a desenvolver unha actividade teatral, dun xeito que provoca unha elevada sensación de entrega á mesma. Este estilo ten as súas raíces nos «acontecementos» dos anos 50 en adiante, nos cales varios artistas se manifestaban de maneira planificada e organizada en espazos públicos para conseguir un efecto impactante.
Mentres os dous estilos comparten o feito de que as súas actuacións se levan a cabo fóra dun ámbito tradicional (un teatro/escenario), diferéncianse en que os acontecementos normalmente tiñan como fin sorprender ou concienciar ao público en xeral a base dun acto inesperado nun lugar aberto e visíbel, mentres o teatro inmersivo tipicamente procura crear un mundo íntegro – utilizando edificios ou espazos readaptados (hospitais, hoteis, pisos, naves, xardíns, illas etc.); escenografía, iluminación e son elaborados e temáticos; e interacción co público (a través do contacto físico, as conversas e a comida/bebida) – por fins principalmente de entretemento, xa que o público só acude a estes espazos despois de mercar unha entrada e sabendo que se trata dunha experiencia recreativa.
Outro aspecto único frecuentemente visto no teatro inmersivo é a concesión ao público da vontade de intervir na acción da peza e influír na mesma, tratándoo máis coma un participante que un mero espectador. Neste sentido, pódese considerar que o teatro inmersivo emprega ferramentas dramáticas e dinámicas organizadoras que tamén están presentes en videoxogos e nos roles en vivo (LARP), de maneira que a experiencia dunha persoa do público sexa única e dependente das súas decisións. Por último, é tamén habitual que unha obra de teatro inmersivo empregue e mesture historias coñecidas da cultura popular no seu argumento principal.