Inchadiña Branca Vela 2025

Lugar:

Ría de Arousa -> Río Ulla -> Río Sar (Porto de Rianxo - Vilarello - Padrón)

   

VENRES 25 DE XULLO

Ás 19:00 horas
Homenaxe a Castelao na súa estatua en Rianxo por parte dos mariñeiros participantes

SÁBADO 26 DE XULLO

10.00 Saída do porto de Rianxo
16.00 Saída de Vilarello (Cordeiro, Valga)
18.00 Chegada prevista ao Espolón de Padrón (aproximada)

 

O 26 de xullo uniranse á “Inchadiña branca vela” embarcacións tradicionais de todo o país, nunha nova homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro. E xa van doce! Subirán Ulla e Sar embarcacións chegadas de toda Galicia, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa.

O percorrido será o de sempre, mais tamén haberá embarcacións que saian de Rianxo ás 10 horas: subirán ás 16.00 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón.

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez en 2013 para celebrar o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares’ falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo. Velaquí a estrofa:

¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»