Concerto de Ialma
Hora:
19.30
Lugar:
Auditorio da Casa-Museo
Anótao en
Concerto de Ialma de celebración dos seus 25 anos de historia dentro da súa xira “IALMA 25 anos – Para Galegas NÓS”. Entrada libre até completar capacidade.
IALMA publicou o seu primeiro álbum ‘Palabras Darei’ a finais do ano 2000 e, desde entón, leva editados sete discos. O grupo revitaliza a música popular galega cunha proposta moderna e profundamente enraizada na tradición.
Ao longo destes 25 anos, IALMA actuou en numerosos países e recibiu diversos recoñecementos como embaixadoras da cultura galega polo mundo. Agora, na súa xira por Galiza, o grupo presenta un espectáculo que recolle toda a súa traxectoria: “IALMA 25 ANOS – PARA GALEGAS NÓS”.
Todas as cancións están interpretadas en galego e acompañadas de instrumentos folk como o acordeón diatónico, o violín, a guitarra, as voces e as pandeiretas galegas. O repertorio inclúe pezas tradicionais e composicións propias que reflexan a súa identidade como emigrantes galegas nadas na diáspora, levando a nosa tradición e compromiso por todo o mundo.
Malia que viven en Bruxelas, Verónica Codesal, Natalia Codesal, Marisol Palomo e Eva Fernández manteñen unha conexión permanente coas súas raíces galegas. Ao longo destes 25 anos, a cultura musical e as tradicións de Galiza foron o corazón da súa creación artística, inspirando un repertorio que bebe da tradición oral galega pero que dialoga coas culturas, linguas e estéticas que conforman a vida cosmopolita da capital europea.
As catro voces galegas estarán acompañadas por tres músicos belgas, entre eles Didier Laloy, que leva 25 anos compartindo escenario co grupo. Didier expresa o seu fondo agradecemento por formar parte deste proxecto musical que simboliza a unión entre culturas e sons, e que deu forma ao inconfundible estilo de IALMA.
A banda contará ademais con artistas galegos convidados nos catro concertos, amigos e cómplices que as acompañaron ao longo destas dúas décadas e media de camiño e aos que agradecen o seu apoio para manter viva esta riqueza cultural na diáspora.
Considerado un dos grupos galegos máis destacados da emigración, IALMA realizou un gran número de xiras internacionais. A súa voz principal, Verónica Codesal, representou a Bélxica en Eurovisión hai 20 anos, sendo a primeira vez que soou unha gaita galega no certame. Desde entón, segue a cantar en diversos proxectos musicais, sempre co seu compromiso fondamente galego e universal.
