Concerto de Fin de Ano con Sofía Espiñeira
Hora:
19.00
Lugar:
Auditorio da Casa de Rosalía
Anótao en
Concerto de fin de ano con Sofía Espiñeira, unha artesá de cancións, creadora e artista multidisciplinar, as súas composicións combinan o latexo das músicas do mundo coa canción de autora máis espida. Presenta agora o seu novo disco, “Xeografías”, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos; temas universais que nos atravesan dende o máis íntimo ata o comunitario e o político. Ao vivo, estará no palco con Yudit Almeida no contrabaixo.
Natural de Mugardos e afincada en Compostela, hai case unha década que Sofía Espiñeira compaxina o seu traballo musical co do circo, a danza e o teatro. É actriz, acróbata e bailarina, traballando habitualmente para compañías como Teatro O Cubo, Elefante Elegante ou o Centro Dramático Galego. Mais é na música onde atopa o seu proxecto máis persoal, unha viaxe íntima que navega entre os sons de raíz, as músicas do mundo e un novo e singular universo poético.
Grazas ao seu primeiro disco, “Alá onde agroman as herbas”, foi recoñecida nos Premios Martín Códax da Música e nos aRi[t]mar, e participou en numerosos proxectos con algunhas das mellores artistas do país. Agora presenta “XEOGRAFÍAS” (2025), un canto ás paisaxes que nos percorren, aos territorios que habitan dentro e fóra da pel. A procura dun lugar mellor onde situarse leva á autora a unir estas cancións que invitan a redescubrir o mapa, a moverse de sitio e a entrar no corpo como territorio e na natureza como casa. Neste novo traballo, Sofía Espiñeira segue apostando polos sons de raíz, creando atmósferas sinxelas que achegan a canción de autora máis íntima e crúa a ritmos que ulen a terra e beben das músicas do mundo, dende o camiñar dunha chacarera ata o latexo da nosa música tradicional, poñendo en valor a oralidade, as nosas raíces e a memoria de que un día fomos nómades.
