Concerto de Barahúnda
Hora:
20.00
Lugar:
Auditorio da Casa-Museo
Anótao en
Barahúnda (Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro) presentan o 24 de maio no Auditorio o seu novo proxecto ‘Fremosas. Cantigas de Amigo e de Amor’, o quinto da súa carreira
Fremosas é algo máis que un libro que contén un disco. É o resultado de miles de horas de traballo, dúbidas e incertezas motivadas por unha pandemia que o condicionou todo e que se plasman finalmente nun libro (publicado por Editorial Toxosoutos) que á súa vez contén unha colección de 12 cantigas galego-portuguesas musicadas por eles e accesibles a través de senllos códigos QR.
Pero é sobre todo o froito do amor á música, á poesía, á Historia e ás historias: as súas, as de calquera de nós, pasadas ou coetáneas que tanto se parecen. A súa intención foi, desde o principio, a divulgación. Dar a coñecer este tesouro que é a tradición cultural dos pobos. Desde a máis popular ata a dunha cantiga de amigo do século XIII, recollida nunha biblioteca e é, tamén, unha reflexión sobre a pegada feminina na lírica medieval.
O seu desexo é o de que un público non especializado descubra o seu legado -no caso que nos ocupa fermosos versos de setecentos ou oitocentos anos de antigüidade que un día foron cancións- aínda non sendo asiduos dos grandes auditorios ou dos ciclos de concertos de música antiga (algo que, doutra banda, recomendamos sinceramente). Repito: O seu legado, o de todas nós. A herdanza cultural que nos corresponde en canto humanos.
En Fremosas convidan a escribir acerca de todo isto a un conxunto de especialistas: historiadoras, poetas, musicólogos, artistas etc. (Aurora Marco, Domingos Morais, José Luís do Pico Orjais, Txema Mawenya, José Luis Sanz García-Ochoa e Xesús Santos) que uniron os seus textos cos dos autores -Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro- e coas cantigas que levan musicando desde 1998 ata a actualidade.
Fremosas foi composto, arranxado e gravado por Barahúnda, no seu estudo Abuin Road * entre a primavera de 2020 e finais de 2022.