O 17 de decembro de 2019 a Unión Astronómica Internacional designou oficialmente Rosalíadecastro unha estrela na constelación do Serpentario. Celebramos o quinto aniversario dese fito histórico cunha palestra de Martin Pawley -promotor da campaña desde a Agrupación Astronómica Ío- titulada“O ceo de Rosalía” que conta historias da astronomía a través dos textos da escritora.
Martin Pawley (A Coruña, Galicia, 1974) é crítico (Nós Diario, Caimán Cuadernos de Cine, blog Acto de primavera), programador e produtor de cinema (“Costa da Morte” de Lois Patiño, 2013). Como divulgador científico especializado en astronomía colaborou en diversos programas de radio e dende 2019 publica un artigo sobre contaminación luminosa cada mes na revista Astronomía. Gañou o premio da Federación de Asociaciones Astronómicas de España ao mellor divulgador astronómico en 2018. É membro dende 2002 da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, entidade gañadora dunha mención de honor nos Premios Prismas da Casa das Ciencias en 2020, o Premio Rosalía de Castro de lingua da Deputación da Coruña en 2021 e o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas en 2023.