70 anos da estatua de Rosalía no Porto

Hora:

18.00 (hora portuguesa)

Lugar:

Praça da Galiza (Porto)

A cidade do Porto celebrará con varios actos o vindeiro luns 14 de outubro os 70 anos da inauguración da estatua de Rosalía de Castro na Praça da Galiza. Trátase dunha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro e que está organizada pola Câmara Municipal en colaboración coa Xunta de Galicia, o Parlamento galego e a propia Fundación.

No verán de 1954 o alcalde do Porto, Machado Vaz, presidiu o acto de inauguración da estatua, realizada polo escultor modernista Salvador Barata Feyo, poñendo flores na base do monumento, na compaña da filla da escritora, Gala Murguía de Castro, e outras autoridades galegas.

Setenta anos despois a Câmara Municipal do Porto acolle un novo acto de irmandamento galego-portugués a través da figura de Rosalía de Castro. Terá lugar o vindeiro luns 14 de outubro, cunha ofrenda floral ao pé da estatua de Rosalía, con lectura de poemas a cargo das escritoras Chus Pato e Sofia Bodas de Carvalho. Logo as autoridades plantarán unha filla da Figueira de Rosalía, declarada como Árbore Senlleira, nos Xardíns do Palácio de Cristal.

A xornada clausurarase cun acto na Capela de Carlos Alberto, nos xardíns do Palácio de Cristal, no que intervirán o alcalde do Porto, Rui Moreira; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Rematará cunha actuación de Amancio Prada.

Programa:

18.00 Ofrenda floral ao pé da Estatua de Rosalía, con lectura de poemas a cargo de Chus Pato e Sofia Bodas de Carvalho.

18.45. Plantación dunha filla da Figueira de Rosalía nos xardíns do Palácio de Cristal.

19.00. Acto na Capela de Carlos Alberto (xardíns do Palácio de Cristal) e actuación de Amancio Prada.
Intervirán:
Rui Moreira, presidente da Câmara Municipal do Porto
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía
Miguel Á. Santalices, presidente do Parlamento de Galicia
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia