
A Casa de Rosalía modernizou e actualizou as súas instalacións con novos recursos, novas pezas e material audiovisual que permiten comprender mellor a vida e obra de Rosalía de Castro e a súa familia.

Pasear polo xardín e horta que ela vivíu, con árbores senlleiros, o exterior da casa e zonas e elementos que nos traen recordos dela e o seu tempo é quizais o mellor prólogo á inmersión no universo rosaliano que nos agarda.
A visita expositiva comeza na recepción e tenda. Continuando pola planta baixa poderemos saber máis da historia da Casa da Matanza, como se mercou, as doazóns recibidas e o fundamental papel da emigración galega na creación desta casa-museo. A seguir pasaremos por salas nas que descubrir con detalle a vida da poeta, as súas vivendas e as súas relacións, así como a totalidade da obra, destacando a importancia que Cantares gallegos e Follas Novas teñen na mesma.

Logo do paso pola cociña tradicional, ascendemos ao andar superior onde nos deteremos nunha estancia dedicada á familia de Rosalía como unha especie de “factoría cultural”, comezando por Manuel Murguía e as súas producións e logros e seguindo pola capacidade criativa dos fillos e fillas. Logo, no cuarto onde a autora finou, veremos a cama da familia, as homenaxes, os recoñecementos e diverso material que dan idea da dimensión universal que acadou a súa figura. Finalmente, as últimas dúas salas amosan a Rosalía muller e feminista, e a Rosalía símbolo nacional, espazo no que poderemos acjaremos a estreita a relación da familia Murguía Castro coa nosa bandeira.
Horarios
De xullo a setembro
10.00-14.00 h
16.00-20.00 h
Resto do ano
10.00-13.30 h
16.00-19.00 h
Luns pechado
Domingos e festivos:
10.00-13.30 h
Prezo da visita
Individual 3€
Grupos (+20 persoas) 2€
Colexios (maiores 6 anos) 1€
Colexios (menores 6 anos) 0€