O Ministerio de Cultura apoia a reforma do antigo CER

O ministro de Cultura, Ernest Urtasun, fixo este anuncio nunha visita esta tarde á Casa-Museo da Matanza. A Fundación Rosalía está á procura de financiamento para reformar o antigo Centro de Estudos Rosalianos que albergará un centro cultural anexo á Casa-Museo con Biblioteca e usos expositivos, didácticos e administrativos.
A Casa-Museo de Rosalía recibiu esta tarde a visita do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que comprometeu o apoio do seu departamento para financiar con 50.000 euros o proxecto de rehabilitación do Edificio Murguía (antes Centro de Estudos Rosalianos), o último que queda por restaurar do conxunto da Casa-Museo.
Restaurar este edificio é unha das prioridades da Fundación Rosalía, dado que está en “situación de colapso”. Segundo o seu presidente, Anxo Angueira, que guiou o ministro polo complexo da Matanza, “esta rehabilitación é indispensable e urxente por tres motivos fundamentais: primeiro porque é necesario conservar o patrimonio da Casa de Rosalía, tanto o patrimonio bibliográfico, documental e artístico que neste momento se atopa nun estado lamentable, como o propio patrimonio arquitectónico que o edificio de Albalat é”.
Por outra banda, proseguiu, “é o noso obxectivo fundamental ampliar os servizos da Casa de Rosalía: espazos expositivos que sirvan de complemento á Casa-Museo; espazos pedagóxicos, dado que recibimos unhas 7.000 visitas escolares ao ano, e espazos administrativos dado o considerable aumento da xestión necesaria para levar adiante os nosos proxectos. Neste sentido o aumento e a diversificación das nosas actividades nos últimos anos foi manifesto, polo que incluímos recentemente unha traballadora a tempo completo e unha bolseira”.
Con esta obra, cuxo financiamento está a procurar nestes momentos a Fundación en todas as administracións, preténdese culminar todo un proceso de reformas: no museo, no xardín, no auditorio e nos edificios anexos. É necesario para reforzar o prestixio dun espazo de memoria fundamental non só para Galicia senón tamén para as letras españolas e cada vez con máis presenza e impacto na literatura universal”.
“Compromiso co proxecto da Fundación”
O ministro de Cultura destacou que esta colaboración responde ao “compromiso do Ministerio de Cultura co proxecto da Fundación Rosalía, co seu apoio á difusión da obra e a figura de Rosalía, pero tamén da lingua e a cultura galegas”. Ademais, incidiu en que “queremos que ese labor teña continuidade e teña respaldo por parte do Ministerio, e por iso queremos participar e apoiar o proxecto de reforma do edificio anexo, o Edificio Murguía”.