O libro sobre Antolín Faraldo de Xurxo Martínez gaña o Premio Baltar

O libro sobre Antolín Faraldo de Xurxo Martínez gaña o Premio Baltar

‘Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo’ vén de acadar a cuarta edición do Premio de Ensaio e Investigación Baltar Feijoo, unha obra que aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846.

O xurado do IV Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse esta mañá para deliberar e optou por galardoar ’Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo’ (Alvarellos Editora, 2022), de Xurxo Martínez, como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.

O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a singularidade do asinado por Xurxo Martínez González, que fai unha relectura do protonacionalismo e do papel de Antolín Faraldo, líder da revolución galega de 1846, “incorporando o nacionalismo ou protonacionalismo á tarefa da loita polas liberdades no seu tempo, contra o absolutismo, ademais de recoller textos dispersos e descoñecidos de Faraldo”.

O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Lydia Fontoira, profesora da USC e secretria do premio; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

No 200 aniversario do seu nacemento, ‘Querida liberdade’ aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor»: Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido. ‘Querida Liberdade’ contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Faraldo.

Xurxo Martínez González (Vigo, 1984) é un escritor e investigador, alén de doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e premio extraordinario de tese de doutoramento. Ten publicado numerosas obras sobre diferentes persoeiros galegos do século XIX e XX, como Luís Soto, Manuel Leiras Pulpeiro ou os irmáns Villar Ponte, entre outras.

Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo

A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía este mes de decembro.

A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a cuarta edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.

Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.

O premio ten carácter bianual e poden concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2022 e 2023, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.

A primeira edición recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: ‘Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua. A segunda premiou o libro ‘As orixes da fotografía en Galicia’, de Carlos Castelao; e a terceira ‘Irmandiñas’, de Aurora Marco.