O libro ‘As orixes da fotografía en Galicia’ gaña o Premio Baltar Feijóo
‘As orixes da fotografía en Galicia’ é unha obra pioneira, resultado de anos de fonda investigación, que achega descubrimentos sorprendentes do nacemento da arte fotográfica na Galicia do século XIX. O seu autor ofrece un traballo rigoroso, documentado e moi didáctico, no que non faltan descubertas en relación ás fotografías que conservamos de Rosalía de Castro.
O xurado do II Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse na tardiña de onte para deliberar e optou por galardoar ‘‘As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX’ (Alvarellos Editora, 2018, en coedición co Consorcio de Santiago) como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou o traballo de Carlos Carlos Castelao, que “exhuma unha serie de datos que non coñeciamos sobre a fotografía en Galicia e faino dun xeito ameno e áxil que combina a investigación coa comunicación”. Asemade, apuntan a importancia do seu traballo, tanto desde o punto de vista da investigación de arquivo como da análise. Tamén foi ponderada a edición da obra, coidando a beleza dos obxectos que presenta e tamén convertendo o libro nun obxecto en si mesmo.
O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.
‘As orixes da fotografía en Galicia’ é unha obra pioneira, resultado de anos de fonda investigación, que achega descubrimentos sorprendentes do nacemento da arte fotográfica na Galicia do século XIX. O seu autor, o fotohistoriador Carlos Iglesias Castelao (de orixe asturiana e afincado en Compostela dende 1988), ofrece nestas páxinas un traballo rigoroso, documentado e moi didáctico. Un volume ilustrado con máis de 350 imaxes (moitas delas, totalmente inéditas) que principia situando os albores da fotografía no noso país para presentar de seguido o máis completo traballo coñecido ata hoxe sobre a fotografía dunha cidade galega nun período concreto.
Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía este Nadal.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en xullo a segunda edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.
O premio ten carácter bianual e poden concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2018 e 2019, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.
A primeira edición recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: ‘Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua.
O Arquivo Baltar-Feijóo
O Arquivo Baltar-Feijóo é o fondo documental de Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresou a Galicia e a Padrón en 2016 grazas á doazón desta familia á Casa-Museo de Rosalía. Inclúe correspondencia, moita dela inédita, de importantes persoeiros da historia de Galicia como Rosalía de Castro, Murguía, Castelao, RAG, Alfredo Brañas, Pérez Lugín e moitos outros.
A Fundación Rosalía creou un espazo dentro da propia Casa-Museo dedicado a este fondo, que foi dixitalizado e posto a disposición do público. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.
O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…)