O Arquivo Baltar depositarase na Casa de Rosalía
A familia Baltar deposita o seu valioso arquivo na Casa de Rosalía. Trátase do fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresa a Galicia e a Padrón.
Hoxe asinouse na Madrid un acordo para traer de volta a Galicia, en concreto á Casa de Rosalía, o fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló, que inclúe máis de 400 cartas -moitas delas inéditas- de importancia para a historia deste país.
O acto tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid onde os fillos de Ramón Baltar Feijoo Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela asinaron con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o acordo mediante o cal o fondo pasa a instalarse na Casa de Rosalía.
Despois da sinatura diante de notario do contrato de depósito, interviron no acto Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón; Jacobo Baltar, en representación da familia; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.
445 pezas
Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.
O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…)
De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. etc. etc.
Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes da Galicia contemporánea.
Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela, fillos de Ramón Baltar Feijóo, fan depósito do arquivo familiar na Casa de Rosalía co obxectivo de que regrese a Padrón e poida ser coñecido e difundido. Neste sentido a Fundación comprometeuse a crear un espazo dentro da propia Casa de Rosalía para o fondo, que xa está contemplado no proxecto de reformas do sobrado, así como a dixitalizar o conxunto para facelo público e de acceso universal, a realizar unha publicación académica que o estude e a crear un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo para divulgar a importancia deste senlleiro legado. En próximas datas terá lugar un acto en Padrón, na Casa de Rosalía, para celebrar a recepción do mesmo.
Aquí podedes ver unha carta de Rosalía, outra de Murguía e outra de Castelao a Ángel Baltar.