Novo pavimento para a Casa de Rosalía
A Xunta financiará o acondicionamento dos pavimentos dos xardíns exteriores aos edifcios da Fundación e a Casa Museo Rosalía de Castro para preservalos.
Esta tarde Anxo Angueira, en representación da Fundación Rosalía de Castro, e Román Rodríguez, en representación da Consellaría de Cultura e Turismo, asinaron senllos convenios de colaboración entre ambas as dúas entidades. Tamén estiveron presentes o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ademais do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o arquitecto encargado das obras, Luís Gil.
O primeiro deles, por valor de 40.000 euros, suporá o acondicionamento dos pavimentos dos xardíns exteriores aos edifcios da Fundación e a Casa Museo Rosalía de Castro para preservalos e que as actvidades da Fundación e as visitas á Casa de Rosalía poidan desenvolverse nas mellores circunstancias posibles. As obras comezarán a mediados de setembro e está previsto que rematen a finais de novembro.
O segundo deles, por valor de 25.000 euros, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, permitirá á Fundación levar adiante un programa de actuacións orientadas a coñecer con rigor intelectual a súa figura, produción e publicacións e continuar cos labores de recompilación da súa obra para completar a biblioteca e o arquivo rosaliano de xeito que poda ser consultada polos investigadores e estudosos desta ilustre representante da literatura galega.
Alén disto, o conselleiro Román Rodríguez tamén procedeu á plantación dunha camelia na Horta de Rosalía, que alberta valiosos exemplares de especies botánicas de todo o mundo, entre elas o Carballo de Gernika.