Máximo Sar dóalle á Fundación o seu arquivo
O padronés Maximino Rodríguez Buján (coñecido como Máximo Sar) vén de doarlle á Fundación Rosalía de Castro, da que el foi padroeiro, o seu arquivo documental sobre a mesma. Entre os papeis destaca a correspondencia e os documentos das distintas xestións levadas a cabo como coordinador por este veterano activista cultural do galeguismo.

Maximino Rodríguez Buján (Padrón, 1922) foi durante moitos anos xuíz de Caldas de Reis, onde reside, e tamén membro do Padroado da Fundación entre 1964 e 1978, durante os mandatos de Octavio Sanmartín e Agustín Sixto Seco e tivo as responsabilidades de coordinador de delegacións. Entre os documentos doados destaca a correspondencia e os escritos das distintas xestións levadas a cabo por este veterano activista cultural do galeguismo, partícipe de numerosos proxectos á beira de Borobó, Faustino Rey Romero, Avelino Abuín de Tembra, Xesús Santos, etc.
Tamén se recollen neste legado numerosos recortes de prensa, impresos e cartelería de actos da Fundación e tamén diversas listaxes de protectores da Casa-Museo, polo que o seu valor é moi importante á hora de reconstruír a historia de todo un soño, como foi a recuperación como Casa-Museo da Casa de Rosalía da Matanza, e das numerosas dificultades que a realización dese soño foi salvando.