María Reimóndez acada a primeira residencia literaria que convoca a Fundación Rosalía

María Reimóndez acada a primeira residencia literaria que convoca a Fundación Rosalía

María Reimóndez vén de acadar a primeira residencia literaria que convoca a Fundación Rosalía en intercambio con Inglaterra. O xurado, formado polos escritores Chus Pato, María López Sández e Manuel L. Baleirón, escolleu nunha xuntanza esta mañá o proxecto literario da luguesa.

O xurado da Residencia Rosalía / Traherne, formado polos escritores Chus Pato, María López Sández e Manuel L. Baleirón, escolleu nunha xuntanza esta mañá o proxecto de María Reimóndez para que sexa desenvolvido na primeira residencia literaria que organiza a Fundación Rosalía de Castro en intercambio con Inglaterra.

A comisión avaliadora que escolleu a proposta presentada por Reimóndez valorou “o peso dunha traxectoria consolidada e un proxecto literario sólido, concreto e maduro”. Efectivamente, a escritora luguesa ten unha extensa obra, sobre todo en narrativa, tanto para adultos coma para cativos, pero tamén en poesía e ensaio. Acadou tamén varios premios literarios como o Xerais de novela, o Xohana torres de Ensaio, ou o Jules Verne de literatura infantil.

Ademais, María Reimóndez é tradutora e intérprete profesional, e publicou unha longa listaxe de traducións ao galego do inglés e do alemán, fundamentalmente. É fundadora tamén da ONG Implicadas no Desenvolvemento.

Residencia Rosalía / Traherne

A Fundación Rosalía de Castro vén de poñer en marcha por vez primeira unha residencia para escritores en galego en colaboración coa autora británica Fiona Sampson e a Lower Brinsop Writers House en Hereford (Inglaterra) arredor do poeta metafísico inglés Thomas Traherne e Rosalía de Castro.

Os obxectivos deste intercambio literario son a promoción da produción literaria galega e a proxección internacional da figura de Rosalía de Castro e da cultura galega en xeral, ademais do intercambio cultural arredor das figuras de Rosalía de Castro e de Thomas Traherne, destacado poeta metafísico inglés do século XVII. A través desta proposta, o/a escritora seleccionada poderá dispor dun espazo axeitado para o cultivo da imaxinación, o pensamento e a creación literaria, así como do intercambio cultural.
Presentáronse once escritores e escritoras. A escritora elixida pasará dúas semanas en Hereford, na Lower Brinsop Writers House, que está a media hora de Hay-on-Wye, onde se celebra o famoso Hay Festival, xusto na fronteira con Gales. Alí, do 10 ao 23 de agosto, traballará no proxecto literario presentado.

Do mesmo xeito, a autora británica Fiona Sampson pasará en Padrón o mesmo tempo pulindo a súa vindeira obra. Ela é unha destacada poeta británica, biógrafa literaria e escritora. Antiga violinista profesional, ten un doutoramento en filosofía aplicada da linguaxe e actualmente é investigadora sénior no Harris Manchester College da Universidade de Oxford.

Trátase dun intercambio literario entre os dous lugares marcados pola importancia de dous autores: Rosalía de Castro e Thomas Traherne (1636-1674), un dos máis grandes poetas metafísicos ingleses, coñecido sobre todo polas súas espirituais Centuries of Meditations. Naceu nesta zona e, logo de estudar na Universidade de Oxford, regresou para ser o crego da parroquia de Credenhill, onde ten lugar a residencia.