Máis de 44.000 visitas virtuais en tres meses
Con motivo do 50 aniversario da Casa de Rosalía, o pasado xullo puxemos en marcha o sistema de visitas virtuais en catro linguas: galego, español, francés e inglés. A maioría das visitas proceden de Google Maps, desde onde é posible visitar a Casa-Museo de forma virtual sen necesidade de visitar a nosa web.
Con motivo do 50 aniversario da apertura da Casa-Museo de Rosalía de Castro, que celebramos o pasado xullo, inauguramos un sistema de visitas virtuais en catro linguas que, máis de tres meses despois, se confirma como un éxito de público.
Neste período desde a súa apertura, o percorrido inmersivo plurilingüe colleitou máis de 44.000 visitas, a maioría das cales proceden de Google Maps (43.309), dado que está integrado nesta plataforma, e o resto, 866, a través da páxina web da Casa-Museo. Os datos proceden do propio Google e da plataforma que soporta o sistema, Matterport.
A duración media do percorrido é de 5 minutos e 20 segundos, e por linguas, a máis visitada é a opción galega (74%), a seguinte é o inglés (14%), logo o español (11%) e, por último, o francés (1%).
A visita virtual, que está operativa desde o 8 de xullo nesta páxina web da Casa de Rosalía, permite visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos. Pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva. Para facelo empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos, cos que se fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa utilización.
A incorporación dun menú no que se pode elixir entre 4 idiomas diferentes para a realización da visita virtual e o acceso ao seu contido é totalmente pioneira en Galicia e xorde como produto da colaboración de Orestes Comunica, empresa galega encargada do desenvolvemento, cunha empresa italiana especializada en desenvolvemento de software para percorridos virtuais.