Fundacións e casas-museo de Galicia organízanse
A Fundación Rosalía participou na terceira asemblea de Fundacións e Casas Museo de autores e autoras de Galicia -celebrada na nosa Casa-Museo- na que se decidiu que se autoorganizarán para crear unha rede ou asociación que organice e defenda os intereses das entidades acollidas.
Onte sábado celebrouse na Casa-Museo de Rosalía a terceira asemblea de Fundacións e Casas Museo de autores e autoras de Galicia na que se decidiu que se autoorganizarán para crear unha rede ou asociación que organice e defenda os intereses das entidades acollidas.
Logo dunha primeira xuntanza en Ponteceso en 2017 e outra en Celanova en 2018, na terceira asemblea de Fundacións e Casas Museo de autores e autoras que se celebrou onte en Padrón, debateuse sobre as circunstancias actuais de cada institución e os retos que se deben afrontar no futuro.
Destacouse a necesidade duns principios colaborativos entre as institucións representadas e tamén entre estas e a sociedade. Tamén foi incorporado o horizonte dunha necesaria colaboración coas entidades similares do Norte de Portugal.
Comisión xestora
Fíxose fincapé na necesidade de autoorganización, polo que se creou unha comisión xestora de seis membros que traballará neste sentido, na creación dunha rede ou asociación que organice e defenda as entidades acollidas.
A vindeira xuntanza terá lugar en Trasalba (Ourense), na Casa de Otero Pedrayo, no mes de setembro.
Na xuntanza de onte participaron as seguintes entidades:
Fundacións: Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Camilo José Cela, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Otero Pedrayo, Uxío Novoneyra, Losada Diéguez, Insua dos Poetas, Blanco Amor, Carlos Velo e Carlos Casares.
Casas-Museo: Valle-Inclán, Casa da Troia, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro e Rosalía de Castro.