Fundación Rosalía e Museo do Pobo reclaman dignidade para o Panteón de Galegos Ilustres
A Fundación Rosalía e Museo do Pobo conmemoran o 130 aniversario do traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres reivindicando a posta en valor do monumento coa dignidade que merece e o desbloqueo da situación na que se encontra.
A Fundación Rosalía de Castro e o Museo do Pobo Galego, representadas polos seus presidentes Anxo Angueira e Justo Beramendi, realizaron esta mañá unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres para conmemorar o 130 aniversario do traslado dos restos de Rosalía a este mausoleo dentro da igrexa de San Domingos de Bonaval.
Alén de lembrar este feito histórico que iniciou a consagración de Rosalía como emblema nacional, ambos os dous representantes defenderon o acceso público ao Panteón de Galegos Ilustres, así como acabar co baleiro normativo no que se atopa, e chamaron a poñelo en valor “coa dignidade que merece un monumento que é un símbolo da identidade galega” e que acolle tamén os restos doutros protagonistas da historia de Galicia como Daniel Rodríguez Castelao, Domingos Fontán, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Francisco Asorei.
Tanto Beramendi como Angueira reclamaron o desbloqueo da Proposta de Lei do Panteón de Galicia que, por iniciativa do Museo do Pobo Galego, presentou o Consello da Cultura Galega en 2011 que foi consensuada con outras institucións culturais como a Real Academia Galega, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao, ademais do propio Museo e a Fundación Rosalía. [ver proposta de lei]
Rosalía e o Panteón
Esta consolidación do Panteón como un símbolo foi posible grazas aos esforzos conxuntos de diversas institucións, tanto públicas coma privadas, que coidaron e patrocinaron aquel recinto e os sartegos das persoas alí soterradas. Todo comezou precisamente en 1891, cando por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes da Facultade de Dereito da Universidade, tomouse o acordo, co consentimento de Manuel Murguía e da familia de Rosalía de Castro, de trasladar os restos mortais da escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria, ata a igrexa conventual de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Así, o 25 de maio foi exhumado o seu cadáver e levado solemnemente a Santiago, onde foi sepultado ao día seguinte no mausoleo creado ad hoc polo escultor Jesús Landeira, sito na capela da Visitación do convento de San Domingos de Bonaval.
Posteriormente, coa idea de consolidar este proxecto, no ano 1906 foi soterrado na mesma igrexa o líder rexionalista Alfredo Brañas, finado en 1900. En 1932 comezou a celebrarse unha misa “pol‐as almas de Rosalía e de Brañas”, concibida como un acto de “xuntanza da relixiosidade e do patriotismo galego”, segundo conta a revista Nós, cuxa celebración foi interrompida pola Guerra Civil.
En 1949 o Padroado Rosalía de Castro (antecedente da actual Fundación, fundado dous anos antes) comezou a celebrar unha misa en honra a Rosalía na igrexa de Bonaval todos os 25 de xullo, de indubidable carácter de reivindicación e de resistencia galeguista, probablemente o único acto deste tipo tolerado pola ditadura.
Todos estes feitos históricos, aos que se lle sumou o traslado dos restos de Castelao no ano 1984, converteron este Panteón nun símbolo e nunha referencia indubidable que fai difícilmente explicable a situación de desleixo na que se encontra, agravada aínda máis pola Covid 19.