Convenio de colaboración coa Cátedra Rosalía da USC
A Fundación Rosalía de Castro e a recén creada Cátedra institucional Rosalía de Castro da USC xuntarán esforzos para desenvolver actividades de investigación e divulgación en torno á figura da autora e da súa obra. Así quedou materializado este mércores coa sinatura dun acordo na que participaron o reitor Antonio López e o presidente desta Fundación, Anxo Angueira.
Esta colaboración, rubricada para os seguintes catro anos, renovables, ten como obxectivo promover a investigación, recompilación e publicación, en formato dixital ou impreso, de novas achegas aos estudos rosalianos, así como divulgar este novo coñecemento entre a comunidade académica, con especial énfase nos circuítos internacionais, e a sociedade en xeral. Deste xeito, organizarán conxuntamente seminarios, encontros científicos, exposicións e calquera outra actividade que teña por fin un maior coñecemento da vida e obra de Rosalía.
A sinatura deste acordo foi aprobado na última xuntanza de xuño da Executiva do Padroado, unha entidade privada sen ánimo de lucro declarada de Interese Galego que ten como fin primordial a promoción, a difusión e a posta en valor da insigne escritora galega Rosalía de Castro e da súa obra, ademais de defender os valores representados por ela.
A Cátedra
Xurdida como froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Cátedra de Rosalía de Castro da USC ten como prioridade promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos, como o coñecemento crítico da obra e da figura da escritora en todos os seus aspectos, así como fomentar edicións do conxunto da súa produción, sen descartar posibles textos inéditos.
Na Cátedra potenciaranse Rosalía de Castro e a súa obra como elementos dinamizadores das concepcións máis tradicionais referidas á historia literaria, á literatura nacional, aos xéneros literarios e á relación entre escritura e territorio ou entre escritura e identidade de xénero. Tamén se afondará no estudo da significación de Rosalía desde a perspectiva da memoria pública e promoverase a realización de cartografías e outro tipo de achegas, nas que o territorio da provincia da Coruña terá por forza un protagonismo destacado.
Ademais organizaranse actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital da autora, en particular na vila de Padrón e a súa contorna (Dodro, Ames…) e nas cidades de Compostela e A Coruña; dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra a escritora, con especial significancia a Fundación Rosalía de Castro, así como coas dedicadas a outras figuras canónicas (Pondal, Pardo Bazán ou Curros Enríquez), de modo que o foco abranga a literatura e sociedade do século XIX en toda a súa complexidade; colaborarase na realización de iniciativas doutras entidades e realizaranse tarefas de divulgación a través da rede e de actividades como exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.