Comezan as obras para a reforma do Auditorio
A obra, que rematará na primavera de 2022, será financiada con fondos da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e propios da Fundación Rosalía. O edificio actual conta con instalacións obsoletas para a programación que leva adiante a Casa-Museo e ten partes gravemente deterioradas e fóra de servizo, que reclamaban unha actuación urxente.
A Casa-Museo de Rosalía de Castro vén de iniciar as obras da reforma do seu auditorio, por valor de 180.000 euros, que se prolongarán ata a primavera de 2022. Están financiadas pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e pola propia Fundación Rosalía de Castro.
Acometer esta obra era un dos principais obxectivos desta Fundación nos últimos anos, dado o deficiente estado no que se encontraba o edificio, con instalacións obsoletas para a cantidade e calidade da programación que conta a Casa-Museo e con partes gravemente deterioradas, como é o caso dos camerinos e os aseos, que reclamaban melloras urxentes debido ás continuas inundacións producidas por atoparse a unha cota baixo rasante.
Alén disto, o edificio actual, construído en 1985 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois, conta con escasos recursos para levar adiante o seu cometido principal: acoller actividades culturais en boas condicións. Non conta nin con iluminación nin con condicións sonoras axeitadas ás necesidades, nin equipamento de son que permita a realización de espectáculos escénicos.
A reforma do edificio ten o obxectivo de aumentar a capacidade do espazo e volume, para o que se realizará unha readecuación completa do interior da edificación do auditorio na que son imprescindibles adaptacións e melloras que teñen que ver co confort térmico da sala, illamento, calefacción e aireación de acordo ás novas demandas e normativas así como adaptacións de mellora do confort acústico en tanto se trata dun lugar cunha demanda continua para os usos musicais e de comunicación oral e audiovisual que deben igualmente adaptarse á contemporaneidade técnica.