Bota a andar a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

Bota a andar a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
SONY DSC

Esta mostra repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Hoxe inaugurouse na Coruña a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A mostra a ceo aberto, que se pode visitar nos xardíns de Méndez Núñez ata o 24 de novembro, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Muse, e fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa. 

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

A exposición, que despois viaxará ata o Culturgal (en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro) e logo itinerará por cidades e vilas de todo o país, está patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña. 

ITINERANCIA:

  • A Coruña (Xardíns de Méndez Núñez): do 10 ao 24 de novembro de 2021
  • Culturgal (entrada): do 26 ao 28 de novembro de 2021
  • Pontevedra (máis información, en breve)