Anxo Angueira renova como presidente da Fundación Rosalía
O académico e profesor da Universidade de Vigo vén de ser refrendado por catro anos máis polo plenario da Fundación, que o votou por unanimidade.
O plenario da Fundación Rosalía de Castro elixiu na noitiña do mércores 22 de xaneiro a Anxo Angueira Viturro como presidente desta institución durante catro anos máis. O profesor da Universidade de Vigo foi elixido por unanimidade nun proceso no que era o único candidato.
Canda el, forman parte da candidatura que resultou gañadora Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vogais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato.
Anxo Angueira amosouse satisfeito pola súa renovación e ilusionado cos novos retos que a Fundación ten por diante: “Logo de renovar a Casa-Museo, o Auditorio e o Xardín, ademais de dinamizar a programación e modernizar o funcionamento da Fundación, o noso obxectivo dos vindeiros anos é potenciar a internacionalización da figura de Rosalía e acometer a reforma do antigo Centro de Estudos Rosalianos que está en situación de colapso”.
Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Desde entón as visitas á Casa-Museo incrementáronse notablemente, pasando de 8.655 a unha media de 20.000 nos últimos anos. Asemade, a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 60% en 2024, cifra considerable na nosa contorna cultural.
Alén destes datos, a Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Ademais da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía; puxéronse en marcha a visita virtual inmersiva; audioguías en varias linguas accesibles a través de códigos QR; e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar coa Inchadiña Branca Vela, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas. Tamén se creou a revista Follas Novas de estudos rosalianos que chega xa en 2025 a nove números.
Anxo Angueira Viturro (Manselle, Dodro, 1961) é membro numerario da Real Academia Galega desde 2024 e doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo. No ámbito da creación literaria publicou obras poéticas e narrativas: Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (Xerais, 1996), Bágoas de facer illas (Xerais, 1997), Libro da Vertixe (1997), Pensa nao (Premio Xerais de Novela 1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (Xerais, 2003), Fóra do sagrado (Xerais, 2007), Iria (2012) e Palmeiras, piueiros (2022).
Como ensaísta, alén dos seus estudos sobre Méndez Ferrín (A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego), vén centrando as súas investigacións na época do Rexurdimento: Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019). Sobre Rosalía, ademais de diferentes artigos e antoloxías publicou as edicións críticas de Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas de Sar (2019), La flor, A mi madre e poesía dispersa.
En 2010 ingresou na Fundación Rosalía de Castro ocupando o posto de vogal e membro da executiva en substitución de Avelino Abuín de Tembra. En xuño de 2012 foi elixido presidente da institución.